Satisfacción municipal polo "mellor Nadal da historia de Soutomaior"

Soutomaior
08 de xaneiro 2024

O alcalde, Manu Lorenzo, cre que "nunca participou tanta xente no Nadal en Soutomaior" asegurando que "en cifras e en sensacións é de que foi un éxito"

Cabalgata de Reis en Soutomaior
Cabalgata de Reis en Soutomaior / Concello de Soutomaior

Para o Concello de Soutomaior a valoración do Nadal recentemente finalizado "non pode ser máis positiva".

Así o asegurou o alcalde, Manu Lorenzo, asegurando que a programación deseñada no último mes "demostrou que Soutomaior é un concello non só para residir, senón que para facer vida nel. Antes a veciñanza ía a outros concellos para poder facer actividades, e este ano a xente quedou en Soutomaior porque a oferta de actividades ofreceulles moitísima variedade".

Lorenzo destacou ademais a participación e implicación activa do comercio local, así como o retorno económico para o sector hostaleiro xa que "nunca participou tanta xente no Nadal en Soutomaior, o noso comercio local, asociacións, persoal voluntario...".

Entre as actividades celebradas, o Concello destaca a gran acollida da I San Silvestre con preto de 500 deportistas, ademais de citas culturais de cinema, literatura ou música, con sesións vermú con grupos locais e emerxentes da contorna.

En definitiva para o alcalde "a valoración do Nadal en cifras e en sensacións é de que foi un éxito, porque así nolo din os datos e así nolo di a veciñanza. Temos claro que este foi o mellor Nadal da historia de Soutomaior".