Apenas un mes logo de estenderse aos colexios do centro da cidade, a implantación dos Camiños Escolares, que facilita un itinerario seguro para os estudantes de 7 a 12 anos ás horas de entrada e saída dos centros educativos, pode cualificarse como positiva, segundo recoñeceu a concelleira de Seguridade Cidadá, Carme da Silva.
Os datos que manexan Concello e Policía Local reflicten que 412 nenos nestas idades, un 21% do total de matriculados nos centros de Álvarez Limeses, Barcelos, Froebel, Doroteas, Campolongo e Vidal Portela, acoden a clase camiñando sen a compañía dun adulto.
A porcentaxe é maior no Álvarez Limeses, ao ser o colexio que estreou este programa no ano 2010.
Estas cifras, que reflicten que o 67% dos nenos van a clase camiñando, dos que preto do 32% deles fano só, evidencian segundo o intendente xefe da Policía Local, Daniel Macenlle, "unha boa acollida dos pais e dos centros escolares".
Os responsables do programa esperan que o uso destes itinerarios seguros mellore ao longo do curso, comparando o caso de Pontevedra co da cidade italiana de Pésaro, que tras dez anos alcanzou a cifra de uso 50% dos menores matriculados.
Os Camiños Escolares pretenden fomentar a "autonomía e madurez e previr a obesidade", segundo defende Macenlle, cun primeiro obxectivo que, creen, cumpriuse, "que vos nenos vaian andando ao colexio".
Para mellorar os itinerarios, Carme da Silva anunciou que se reunirá con diversos colectivos, asociacións de pais, colexios e tamén preguntará aos nenos para coñecer a súa opinión sobre o funcionamento do proxecto e "valorar cambios para melloralo".