A sétima edición da feira do gourmet galego Etiqueta Negra pechaba as súas portas despois de tres días de intensa actividade.
Na última xornada, este luns 13 de novembro, as opinións entre os expositores consultados por PontevedraViva eran unánimes á hora de valorar este evento. "Vimos dende a primeira edición e repetiremos", comenta Lucía dende o seu posto de Caracois e Conservas do Gallo, expresando deste xeito as vantaxes que lle ofrece estar presente en Etiqueta Negra.
A empresa, radicada en Cotobade, creouse hai vinte anos a partir dunha granxa de caracois. En 2015 abriron mercado a conservas de receitas tradicionais, como o caldo galego. Produto de proximidade que se vende a pequenas tendas, de aí que aprecien que a feira gourmet lles ofreza a oportunidade de que a xente que está á fronte destes establecementos "probe o produto e nós como produtores poder explicarlles como se produce e as súas características, para que despois eles poidan informar ben os clientes que vaian ás súas tendas".
Da importancia de que os posibles clientes proben o produto dan fe na caseta de Portomuiños Algas. "Moitos visitantes achéganse con curiosidade, dinnos que nunca consumiron algas e que non saben se lles gustan, pero próbanas e descobren que si, que lles gustan as algas", sinala Carlos mentres deposita unha culleradiña de tartar de algas nunha tosta para a degustación dun posible cliente. Asegura que nesta última xornada os visitantes proban máis os produtos, xa que o público deste luns é prioritariamente profesional, ademais de estudantes de ciclos vencellados á cociña e comercialización.
Para esta empresa de Cambre especializada nas chamadas "verduras do mar", Etiqueta Negra "ten o tamaño perfecto". Pon como exemplo o seu recente paso por Conxemar, a feira internacional do sector de produtos do mar conxelados. En Conxemar pecharon contratos con grandes empresas elaboradoras. No caso da feira pontevedresa, valoran que "vendes o produto final directamente a tendas gourmet, xa non vendes a intermediarios que logo o elaboran".
O "ti a ti" tamén é un dos puntos fortes que sinalan no stand de licores Pepa A Loba. "É unha boa feira, paga a pena vir. Ademais, que o luns estea dedicado á xente de tendas e de hostalería é unha forma de que nos coñezan e de chegar directamente a tendas de Galicia que visitan a feira e non nos coñecían", admite Arancha.
Un argumento que reafirma Adrián, chegado de Pedrafita do Cebreiro representando aos Queixos do Castelo, para quen a feira "ten o equilibrio xusto entre gourmet e mercado de sempre". Esta característica contribúe a que os expositores "teñamos tempo para dedicarlle á xente" e poder dar a coñecer o seu produto a públicos variados: "tanto consumidor final como Horeca -acrónimo de Hoteis, Restaurantes e Casinos, usado para referirse ao sector dos servizos de comidas-, pequenas tendas e gran distribución".
O público de Etiqueta Negra "nótase que é xente que se preocupa polo produto"
O queixeiro afina máis ao afirmar que o público de Etiqueta Negra "nótase que é xente que se preocupa polo produto, que non vén de rebote a curiosear". Nesta aposta pola proximidade, aínda que moitos lle preguntan se teñen tenda online, adoitan contestar que si pero co consello de que antes se dirixan a unha tenda local ou mesmo lles consulten antes de facer o pedido porque seguro que poderán derivalos a unha tenda da súa localidade. "Queremos que a venda quede aquí, así gañamos todos", conclúe.
Un dato salientable é que, malia facer numerosas vendas durante Etiqueta Negra, fóra do que se poida imaxinar, este non é o principal obxectivo para a maioría dos expositores. Explícao Aitor, xunto a un frasco de vidro con galletas de Perusiñas Doces Gourmet: "o obxectivo é tomar contacto profesional para despois da feira pasarlles as condicións comerciais e ver se nos encaixan. Por moito traballo de investigación que fagas, este non é comparable coa posibilidade que dá esta feira de presentarnos e darnos a coñecer directamente aos clientes".
Dende a firma luguesa confirman que a feira do gourmet galego terá continuidade máis aló da súa clausuraeste pasado luns. "Estamos moi contentos, fixemos moitos contactos con puntos de venta e a partir de agora veremos o que se pode pechar, a impresión é boa", como tamén o demostra que a súa empresa sexa unha das moitas firmas que repiten a súa presenza en Etiqueta Negra.