"Sardinillas" con pementos, unha nova proposta gourmet de Conservas Pescamar

Pontevedra
12 de outubro 2016

As "sardinillas" de PESCAMAR, grazas a que se consomen coa súa fina espiña, son unha opción perfecta para aquelas persoas que necesitan un suplemento extra de calcio, concentrado nesta zona do peixe

Xoubas con pementos
Xoubas con pementos

As "sardinillas" en aceite de oliva permiten múltiples presentacións, como a que vos ofrecemos nesta terceira entrega de "A cociña gourmet en conserva", coa calidade de sempre das conservas PESCAMAR.

Trátase dun peixe azul, cun alto contido en graxas saudables. É fonte de omega-3, que axuda a diminuír os niveis de colesterol e triglicéridos, e contribúe na prevención de trastornos cardiovasculares.

As "sardinillas" de PESCAMAR, grazas a que se consomen coa súa fina espiña, son unha opción perfecta para aquelas persoas que necesitan un suplemento extra de calcio, concentrado nesta zona do peixe.

Destaca tamén a súa achega en fósforo, magnesio, potasio, ferro, zinc e iodo, así como vitaminas, en especial as do grupo B, A, D e E.

Nesta ocasión imos preparar unhas deliciosas "sardinillas" en aceite de oliva gourmet PESCAMAR con pementos. Para iso necesitamos os seguintes ingredientes:

-2 latas de "sardinillas" en aceite de oliva gourmet PESCAMAR

- 4 patacas medianas

- Salsa de tomate

- 1 ovo

- 2 pementos verdes

Elaboración:

Pelamos as patacas e cortámolas en toros. Preparamos unha pota con auga fervendo e sal. Vertemos as patacas, baixamos o lume a temperatura media e cocemos durante 20 minutos. Aproveitamos para cocer tamén o ovo.

Mentres se fan as patacas, preparamos os pementos á prancha ou asados cun pouco de aceite.

Á parte, elaboramos a salsa de tomate, vertendo sobre a cebola dourada nun pouco de aceite: tomates triturados, allo e un pouco de sal. Para corrixir a acidez, pódese engadir un chisco de azucre.

Con todos os ingredientes preparados, comezamos a presentación.

Colocamos as patacas cocidas sobre unha fonte. Poñemos enriba as "sardinillas" en aceite de oliva gourmet PESCAMAR. Cubrimos coa salsa de tomate, salpicamos co ovo duro picado e o pemento cortado en tiras.

En pouco tempo, temos un prato fácil, delicioso e con calidade suprema. Nuns días, volveremos ofrecervos unha nova receita en "A cociña gourmet en conserva", con Conservas PESCAMAR.