Sardiñada popular para comezar cinco días de festas en Portonovo

Sanxenxo
13 de agosto 2024

Comezan á primeira hora da tarde este mércores 14 e concluirán o domingo co Día do Can

Festas de San Roque en Portonovo
Festas de San Roque en Portonovo / Concello de Sanxenxo

Á primeira hora da tarde deste mércores 14 de agosto, unha sardiñada popular pon comezo a cinco días festivos en Portonovo organizados pola Asociación Cultural San Cristóbal, na honra á nosa Señora, San Roque e o Carmen.

Ata 350 quilos de sardiñas poderanse degustar gratuitamente no porto, amenizados por dj Bais7 Disco Móbil. Previamente anunciarase a xornada festiva con pasarrúas a cargo de Os Gatiños de Portonovo. O xoves 15 haberá pasarrúas cos grupos Lembranzas e Os Gatiños. Ao mediodía oficiarase a misa en honra á nosa Señora e ás 22.30 horas concerto a cargo de Gintoni's e o grupo Area.

A festividade de San Roque, o 16 de agosto comezará con pasarrúas e ás 11.00 horas, misa en honra ao santo na igrexa de Portonovo, á que seguirá o tradiciona encontro de imaxes. Ás 13.00 horas concerto da Banda de Música de Sanxenxo na Casa de Don Fernando. Ás 22.30 horas verbena coa orquestra Gran Parada e a disco móbil Dolce Vita. A medianoite ofrecerase un espectáculo pirotécnico.

O sábado 17, dedicado á Virxe do Carmen ofrecerase actuación da Banda de Música de Redondela xunto á capela e ás 19.00 horas misa solemne cantada pola Coral de Santa María de Adina. Pola noite, ás 22.30 horas, verbena coa orquestra Costa Dourada e a disco móbil Poison.

O domingo 18 para celebrar o Día do Can tamén haberá pasarrúas matinais. Pola tarde, desde as 18.00 horas, xogos populares no peirao e ás 22.30 horas, verbena coa orquestra Galilea e a disco móbil Dolce Vita.