Sara Bea, redeira de Portonovo, recibirá a distinción da Raia de Ouro

Sanxenxo
21 de abril 2024

Esta profesional do arranxo de calquera tipo de aparello de artes menores ou de embarcacións do cerco comezou a atar redes con só nove anos. O domingo 28 de abril recibirá o galardón

Sara Bea Martínez
Sara Bea Martínez / Concello de Sanxenxo

Sara Bea Martínez é unha portonovesa que, desde os nove anos, dedicou a súa vida para atar redes e a arranxar aparellos de pesca. 

O domingo 28 de abril, esta profesional do mar recibirá a Raia de Ouro como distinción dentro do sector do mar.

Aos seus 72 anos recoñece que cando se iniciou "non me gustaba nada. A miña curmá dicíame: ti vas ser atadora cando eu sexa cura", lembra con humor. 

Ao longo de sesenta anos encargouse de arranxar redes de barcos de Portonovo, tanto de artes menores como de cerco. Distinguíanse pola súa habilidade para realizar o traballo. 

"Podo presumir de que ningún barco co que traballabamos tivo que quedar en terra nunca por non ter o aparello reparado", asegura e engade que unha vez coincidiron cinco embarcacións e ela e as súas compañeiras traballaron de tal forma que ao día seguinte lograron que saísen a faenar ao mar.

Pospuxo a súa xubilación aos setenta anos, pero segue botando de menos o oficio: "atar e o ambiente coas compañeiras no porto", explica esta muller que entende o encaixe dos elementos como un crebacabezas.

Ao acto acudirá acompañada polo seu marido, Mario. En xullo celebrarán as vodas de ouro. Tamén asistiran os seus fillos, Elena e Mario. "O meu marido sempre entendeu o meu traballo. Ás veces tiña que marcha dunha hora para outra ao País Vasco e el quedaba ao cargo dos fillos e da casa. Nunca me puxo un problema", explica.

Recoñece que antes o traballo de redera era máis duro porque se realizaba á intemperie. "Non tiñamos nin baño e pasabamos moito frío", afirma, "recordo ata marearme polo frío que collía nas mans". 

Sara Bea admite que, na actualidade, hai poucas persoas que queiran dedicarse ao oficio de redeiras ou de atadoras. "Non sei o que vai pasar cos barcos", laméntase preocupada.