Sanxenxo viviu o sábado unha tarde emotiva co desenvolvemento do IV Certame de Bandas de Cornetas e Tambores, un evento que marcou o inicio das celebracións da Semana Santa local.
Ademais supuxo a conmemoración do décimo aniversario da Banda da Confraría do Nazareno e Santo Sepulcro, anfitrioa do acto.
A Praza Pascual Veiga acolleu desde as 17:45 horas a máis de 80 músicos, entre os que destacaron as actuacións da Banda de Gaitas e Tambores Vides Novas (Poio) e a Banda Santiago CC.TT (Compostela).
Presentado por Carla Rodiño, o certame congregou a autoridades, confrades e veciños, que gozaron do espectáculo tras unha mañá de choiva.
O momento máis emotivo chegou coa homenaxe aos directores que potenciaron a historia da banda: Antonio Blanco (Arcade) e Rubén García (Poio), recoñecidos pola súa dedicación durante unha década.
Abelardo Rodiño, actual director, destacou o labor desinteresado de ámbolos, xa que o único vínculo con Sanxenxo era precisamente a confraría e a súa música.
"Sen eles, estes dez anos non serían posibles", afirmou entre aplausos do público.
O acto tamén rendeu tributo a Paz Lago, exconcelleira de Cultura, entre 2015 e 2023, polo seu apoio institucional clave durante oito anos.
A Banda da Confraría do Nazareno e Santo Sepulcro iniciaba a súa actividade da man de Manuel Bastón, integrante da Brilat de Pontevedra.
A Banda de Cornetas e Tambores de Sanxenxo conta con colaboracións de diferentes grupos e bandas de Pontevedra, Poio e Sanxenxo chegando a formar un grupo que supera os 50 compoñentes.

