O Instituto Nacional de Estatística (INE) sinala que en agosto Sanxenxo alcanzou as 239.515 pernoitas hostaleiras, un 0,3% menos que en 2019. Aínda que por diante de Santiago de Compostela que sumou 206.665 en ano Xacobeo e A Coruña con 130.907 pernoitas e dobrando as 116.849 de Vigo que ocupou o cuarto posto a nivel galego.
As pernoitas hostaleiras en Sanxenxo son só unha parte do total das prazas de aloxamentos turísticos. As 11.054 segundas residencias, as 2.354 vivendas turísticas e os 12 cámpings suman 82.000 prazas de aloxamentos a maiores das prazas hostaleiras.
As 239.515 pernoitas hostaleiras de agosto supoñen o 14,9% do total de Galicia (1.614.359) e o 34,7% da provincia (690.302). En ambos os casos supón un incremento substancial da cota de mercado xa que antes da pandemia Sanxenxo sumaba no verán o 13% de Galicia e o 33% da provincia.
Nun balance do que levamos de tempada alta de turismo (faltan os datos de setembro) comparada co 2019, o mellor ano turístico ata o de agora, compróbase que desde maio ata agosto Sanxenxo sumou 583.437 pernoitas hostaleiras case 2.000 máis que antes da pandemia.