Sanxenxo solicita fondos Next Generation para a rehabilitación integral do Pazo de Emilia Pardo Bazán

Sanxenxo
03 de abril 2022

O Pazo de Emilia Pardo Bazán someterase a unha rehabilitación integral grazas á liña de axudas do Programa de Impulso á Rehabilitación dos Edificios Públicos (Pirep) no marco dos fondos Next Generation

Pazo Emilia Pardo Bazán
Pazo Emilia Pardo Bazán / Concello de Sanxenxo

O Pazo de Emilia Pardo Bazán someterase a unha rehabilitación integral grazas á liña de axudas do Programa de Impulso á Rehabilitación dos Edificios Públicos (Pirep) no marco dos fondos Next Generation. 

Estes fondos serven para rehabilitar os edificios públicos e mellorar a súa calidade e eficiencia enerxética cara o 2050 ademais de buscar o liquidar mellorar carencias importantes relativas a cuestións de habitabilidade como pode ser un confort acústico deficiente, unha mala calidade do aire ou problemas de accesibilidade.

É por iso que o Concello de Sanxenxo decidiu encargar a redacción dun proxecto para rehabilitar este Pazo en base aos criterios marcados pola subvención, que rolda os 1,5 millóns de euros xa que o auditorio foi construído en 2002 e presenta deficiencias enerxéticas, lumínicas, térmicas e limitacións de accesibilidade.

De feito, no novo proxecto teñen contemplado mellorar a iluminación, remodelar o patio de butacas, renovar a climatización do espazo, substituír completamente a cuberta ou realizar melloras tecnolóxicas que axuden a convertelo nun edificio eficiente.

O Pazo de Emilia Pardo Bazán é o equipamento público con máis departamentos relacionados coa cultura e educación do municipio, albergando a Biblioteca, a Escola de Música Municipal, a Banda de Música Municipal, o Centro de Arte, a área de Animación Sociocultural, Educación de Adultos e o departamento de Orientación Laboral. Ademais do salón de actos, o edificio conta con 4 salas polivalentes para o desenvolvemento de distintas actividades e un local de ensaio para a Asociación Cultural Abiñadoira.