O índice de ocupación da hostalería profesional en Sanxenxo durante o mes de xullo mantívose nunha media do 72,77%, unha porcentaxe lixeiramente inferior ao rexistrado o ano pasado, que fora do 73,63%.
O Consorcio de Empresarios Turísticos de Sanxenxo considera que, tendo en conta as condicións climatolóxicas do arranque deste verán e o aumento da oferta non profesional para pernoitas, é un bo dato.
Os mellores comportamentos déronse, por unha banda, nos hoteis de categorías superiores, con preto dun 80% de ocupación nos de catro estrelas e, pola outra, nos cámpings, onde a ocupación foi do 72,77%, fronte ao 73,63 % de 2023 e o 67,24% de 2022.
A pesar dos condicionantes negativos, os hostaleiros do principal destino turístico do norte de España móstranse razoablemente satisfeitos coas facturacións obtidas debido á evolución dos prezos. Esta circunstancia mostra que o visitante de Sanxenxo mantén a súa aposta por un servizo profesional e de calidade fronte a outras alternativas.
Tamén se mostraron satisfeitos, en liñas xerais, as empresas de restauración, que valoraron como “bo” o nivel de gasto rexistrado (máis de 2,5 sobre un nivel de valoración de 5), sobre todo na segunda quincena do mes (3,81).
Con respecto ao mes de agosto, o CETS considera que se vai a manter esta tendencia e prefire non xerar expectativas sobre un crecemento significativo con respecto aos bos anos anteriores. O resultado final dependerá das reservas de última hora, moi condicionadas polas previsións do tempo.
O Consorcio de Empresarios Turísticos de Sanxenxo mantén a súa aposta pola profesionalización da oferta e por unha desestacionalización que permita aproveitar durante todo o ano a concentración neste municipio de servizos turísticos de calidade.