O Concello de Sanxenxo pon en marcha un plan de mellora e racionalización da recollida de residuos a través da substitución de vellos contedores nas vilas de Sanxenxo e Portonovo, ademais da recolocación e mellora das illas de recollida de lixo da PO-308 entre A Granxa e A Lanzada.
Con esta redistribución, os contedores, todos de carga lateral e con capacidade de 3.000 litros, situaranse a unha distancia de separación de 190 metros nas zonas con máis poboación, mentres que naquelas localidades menos poboadas será de 300 metros.
Outro dos cambios está relacionado co traslado dos contedores das praias. Moitos deles estában situados en zonas de alta proteccióm ambiental, polo que agora foron trasladados ás marxes da PO-308. Nesta estrada, á altura de cada praia, situarase unha illa de residuos a en a que os chiringuitos, establecementos e usuarios poderán depositar o seu lixo.
O goberno local destaca os beneficios dos cambios tanto a nivel ambiental como de optimización de recursos. A concesionaria da recollida de lixo atopábase con importantes dificultades para acceder a algúns dos contedores como o caso das praias de Pragueira ou Bascuas debido á estreiteza dos viais.
O novo sistema na disposición das illas dos contedores reducirá tamén o ruído e as molestias que supón a descarga do lixo, reducirá a contaminación e optimizará o tempo de recollida.
Outra das medidas que o goberno local xa está a aplicar é a redución do número de papeleiras nas vilas de Sanxenxo e Portonovo. Unha formulación que cobra se cabe un maior sentido neste contexto de alerta sanitaria pola Covid 19 para mellorar a salubridade das rúas, eliminar obstáculos e dar unha maior prioridade aos peóns facilitando as distancias persoais.
Neste caso, manteranse unha de cada tres papeleiras nos espazos que dispoñan deste servizo. O goberno local apela á “responsabilidade” e “conciencia ambiental” dos veciños e visitantes para que estas novas medidas teñan o resultado que se busca.
Doutra banda, o Concello incrementará o control e endurecerá as sancións a todos aqueles que deixen as bolsas de lixo fóra dos contedores. Tamén prestará especial atención aos abandonos de voluminosos na vía pública. As sancións polo depósito deste tipo de aveños ou bolsas de lixo na rúa conlevan unha sanción mínima de 600 euros que se pode incrementar se o infractor é recorrente.
Sanxenxo dispón dun punto limpo en Padriñán e dun servizo de recollida de aveños ou voluminosos con atención de luns a venres, de 9 a 14 horas, no teléfono 638 240 885. Ambos os servizos son gratuítos. Con eles trátase de evitar os abandonos na vía pública cos consecuentes problemas de salubridade e de mala imaxe do municipio.