Case 130.000 euros, a repartir en dúas anualidades. É o diñeiro que investirá o goberno municipal de Sanxenxo no proxecto para renovar todas as marquesiñas das paradas de autobús do municipio.
Así, destinaranse 55.300 para a adquisición das novas marquesiñas con cargo ao actual orzamento de 2018 e outros 74.480 euros pagaranse en 2019.
Trátase dunha actuación financiada con cargo ao Plan Concellos da Deputación.
A primeira fase inclúe a renovación de catorce marquesiñas, situadas na Costa (Dorrón), a avenida de León, a circunvalación, Montalvo, A Revolta, Empalme (Vilalonga), Gondar, Magaláns, Infantería de Mariña, Vinquiño, O Santo, Rouxique, Soutullo e Tramalleiro (Noalla).
As marquesiñas terán unhas dimensións aproximadas de 2,50 metros de alto, 1,20 metros de ancho e 2,20 metros de longo, cun banco interior. Estarán cubertas con placas de polietileno e cun lateral deste mesmo material e o outro de cristal.
O obxectivo principal deste proxecto é protexer aos escolares das liñas de autobuses das inclemencias do tempo para facer máis cómodos os períodos de espera.