Sanxenxo renova o seu principal 'balcón' sobre a ría

Sanxenxo
17 de decembro 2017

Coa instalación dun novo mural, o Concello de Sanxenxo deu por finalizadas as obras de acondicionamento do miradoiro da Granxa, en Dorrón, que comezaran o pasado mes de novembro

Novo mural do miradoiro da Granxa
Novo mural do miradoiro da Granxa / Concello de Sanxenxo

Coa instalación dun novo mural, o Concello de Sanxenxo deu por finalizadas as obras de acondicionamento do miradoiro da Granxa, en Dorrón, que comezaran o pasado mes de novembro.

Esta actuación foi financiada a través dun convenio asinado coa Axencia Galega de Turismo, por un valor de 9.000 euros. 

A obra consistiu na apertura dunha caixa para o aloxamento do firme, a recollida de augas pluviais e a dotación dun pavimento de formigón. Tamén se reacondicionou a fonte e a balaustrada de pedra, así como o mural existente. 

Este mural representaba a distribución territorial da zona, pero debido a que a súa instalación é de 1959, ademais de estar obsoleto estaba completamente deteriorado. Un profesional do ámbito fixo, a man, unha recreación do mesmo o máis similar ao orixinal que foi posible. 

O miradoiro da Granxa é un dos principais atractivos turísticos de Sanxenxo, por ser un balcón á ría de Pontevedra, cunha situación privilexiada sobre a punta de Santa Mariña. 

Desde alí pódese ver a zona de bateas e o primeiro núcleo do municipio de Poio, Raxó. Na outra beira, alcánzase a ver o porto de Aguete e o porto de Marín. Máis cara ao interior da ría vese a illa de Tambo e ao fondo a desembocadura do río Lérez. 

Ademais, o goberno municipal lembra que se pode contemplar o paso de todo tipo de aves, buques mercantes, militares e pequenos barcos pesqueiros da zona. 

Os concelleiros de infraestruturas e turismo, Daniel Fernández e Jesús Sueiro, destacaron que con esta actuación ponse fin a unha demanda histórica de todo o municipio. O miradoiro, engadiron, "é un balcón espectacular sobre a ría e consideramos que é esencial mantelo nunhas condicións inmellorables".