Sanxenxo remodelará o campo de fútbol de Dorrón

Sanxenxo
26 de outubro 2018

O campo de fútbol de Dorrón é, actualmente, o único campo de terra que queda en Sanxenxo. Pero esa situación cambiará moi pronto, xa que o goberno municipal ultima un proxecto de remodelación que consiste en dotalo de herba artificial

Estrada de Dorrón, en Sanxenxo
Estrada de Dorrón, en Sanxenxo / Concello de Sanxenxo

O campo de fútbol de Dorrón é, actualmente, o único campo de terra que queda en Sanxenxo. Pero esa situación cambiará moi pronto, xa que o goberno municipal ultima un proxecto de remodelación que consiste en dotalo de herba artificial.

A día de hoxe, o campo ten unhas dimensións de 94 metros de longo por 56 metros de ancho. A directiva do club de futbol de Dorrón negociou a compra de dúas parcelas de 95 e 45 metros cadrados respectivamente para poder amplialo, de maneira que poida chegar a alcanzar os 100 metros de longo e os 60 metros de ancho. 

Ademais do terreo de xogo, a remodelación na que traballa o goberno inclúe novos equipamentos para o campo, vestiarios novos e unhas bancadas con capacidade para 300 persoas.

O investimento previsto é de 424.000 euros procedentes do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra.

En Dorrón, ademais, a asociación de veciños está a coordinar as negociacións cos propietarios as cesións necesarias para crear unha ruta de sendeirismo ao longo do río que desemboca na praia de Areas

Polo curso do río hai catro muíños que xa están rehabilitados e mesmo un deles, o muíño da Costa, funciona. Os outros tres muíños son o de Quintáns e o de Felipe no Outeiro e o de Barreiro, que está practicamente onde nace o río.

Ata agora conseguíronse cesións por parte de 100 propietarios, pero quedan case 300 máis cos que hai que falar.