Sanxenxo rehabilitará a pasarela da senda dos carballos de Aldariz con fondos europeos

Sanxenxo
19 de novembro 2023

O goberno municipal de Sanxenxo sacou a licitación as obras de rehabilitación da pasarela da senda dos carballos de Aldariz, en Bordóns. A actuación, subvencionada por Turismo de Galicia a través dos fondos Next Generation, está valorada en 96.800 euros

Senda dos carballos de Aldariz, en Bordóns
Senda dos carballos de Aldariz, en Bordóns / Concello de Sanxenxo

O goberno municipal de Sanxenxo sacou a licitación as obras de rehabilitación da pasarela da senda dos carballos de Aldariz, en Bordóns. A actuación, subvencionada por Turismo de Galicia a través dos fondos Next Generation, está valorada en 96.800 euros.

O proxecto persegue a mellora e recuperación da estrutura, a substitución do tableado e varanda que presentan importantes deficiencias polo paso do tempo e as condicións climatolóxicas ou un control da masa forestal nas marxes da pasarela.

O prazo de execución dos traballos estímase en seis semanas.

O trazado da pasarela segue un itinerario de ida e volta que ten o seu inicio no núcleo de Outeiro, pasa por un lavadoiro, segue ata un muíño e remata na parte posterior deste onde existe un estanque de evacuación do caudal de auga.

Aínda que a pasarela ten un ancho uniforme de dous metros, no inicio ten un sobreancho que se aproxima aos 4 metros. 

Este roteiro é a única senda do interior co distintivo de Sendeiro Azul.

A Ruta dos Carballos de Aldariz discorre pola zona máis alta de Bordóns, partindo da parroquia de Padriñán, concretamente do lugar de Aldariz.

Trátase dun roteiro circular de 6.300 metros e a duración media para percorrelo é de hora e media cunha dificultade media, xa que a altitude mínima é de 72 metros e a máxima, de 234 metros.

Os puntos de interese que atravesa este sendeiro son a aldea de Aldariz, o Con da Ventureira, Chan da gorita, Carballeira de Leirana e o núcleo de Bordóns cos muíños de auga e a igrexa parroquial.

Este sendeiro conta con paneis informativos que dividen en dúas partes o roteiro para dar a oportunidade de facela en dous tramos.