O novo obxectivo do Concello de Sanxenxo é acabar cos puntos de verteduras incontroladas. Para iso, a través do seu departamento de Medio Ambiente e en coordinación coa Policía Local, reforzará a vixilancia en diferentes zonas do municipio.
Indican que, "con frecuencia e de forma indiscriminada", a xente abandona colchóns, mobles, electrodomésticos, restos de obra e mesmo residuos como uralita, que precisan un tratamento especial, son abandonados en distintas zonas, causando un grave impacto para o medio ambiente, a saúde de persoas e de animais, así como para a imaxe do municipio.
Desde o Concello indican que a vila dispón dun punto limpo fixo, situado no lugar da Cereixeira, na parroquia de Padriñán, e dous puntos limpos móbiles que se desprazan de forma periódica polas distintas parroquias. Ademais, dispón dun servizo de recollida de voluminosos a través do teléfono, 638 240 885, e en horario de 9 a 14 horas.
Con todo, a pesar de contar con estes medios, seguen detectando focos continuos de verteduras na contorna da depuradora de Paxariñas, a baixada á praia de Montalvo, na entrada ao polígono empresarial por O Santo, Monte Faro, O Rial, A Barrosa, A Telleira ou Soutullo, entre outros puntos.
"Non podemos nin debemos tolerar este tipo de prácticas, polo que solicitamos a colaboración dos veciños á hora de informar e denunciar estas actitudes que, afortunadamente son illadas, pero moi perxudiciais para o noso contorno. Cos infractores, tolerancia cero", asegura o concelleiro de Medio Ambiente, Yago Torres.
O Regulamento de Protección do Medio Ambiente, de limpeza pública e de recollida de lixo recolle como unha infracción moi grave "o verquido de lixos e refugallos en lugares non autorizados" que poden conlevar multas de ata 600 euros. O Concello incluirá no novo prego do lixo a recollida destes puntos de vertedura por parte da concesionaria e dos que agora deben facerse cargo os operarios municipais.