Sanxenxo intensificará, a partir da medianoite deste martes, os controis para velar polo cumprimento das novas restricións impostas pola Xunta para conter o avance da pandemia da covid-19 en Galicia.
O goberno local fai público que haberá máis vixilancia en espazos públicos, mercadillos, así como as entradas e saídas do municipio que quedarán limitadas a causas xustificadas por cuestións de traballo, sanitarias, coidado, laborais ou educativas.
Ante esta situación excepcional, o goberno acordou redobrar o persoal da Policía Local e pediu a incorporación dos axentes que se atopaban de días libres para intensificar a vixilancia e facer que se cumpran as novas medidas.
O goberno local mantivo este martes un encontro para abordar as novas medidas que permitan reducir a incidencia da covid-19 no municipio que hoxe alcanzou os 130 casos activos.
Así, mantéñense pechadas as casas de cultura municipais en todas as parroquias, o Multiusos de Portonovo, así como os campos de fútbol e pavillóns municipais con tan só dúas excepcións debido ao seu particular uso: o pavillón de Vilalonga e o campo de fútbol de Noalla continuará limitado ao adestramento do equipo de fútbol feminino Viaxes Interrías por xogar en liga nacional.
As bibliotecas de Sanxenxo, Portonovo e Vilalonga que xa tiñan limitado o seu uso pecharán as súas portas a partir de mañá polo que durante a xornada de hoxe apuraron os seus préstamos que nesta ocasión prolongaranse de forma forzosa ata o 17 de febreiro. A Escola de Música de Sanxenxo, así como a Escola de Maiores pasaranse á formación telemática, por correo electrónico, videollamadas e chamadas, para tratar de manter o contacto co alumnado e non perder o ritmo formativo.
En canto á actividade municipal restrinxiranse os trámites presenciais no Concello de Sanxenxo que se deberán realizar con cita previa telefónica e a través da sede electrónica. Así funcionará tamén desde mañá a sede de Servizos Sociais e o Multiusos de Vilalonga que manterá só en funcionamento as oficinas de Medio Ambiente e GDR. O Pazo de Emilia Pardo Bazán permanecerá pechado ao público tamén durante estas tres semanas.
O alcalde, Telmo Martín, e o concelleiro de Deportes, Daniel Arousa, puxéronse esta mañá en contacto cos presidentes de Circulo Cultural e Deportivo de Sanxenxo e o do Club de Piragüismo de Portonovo que se mostraron abertos a colaborar co peche das instalacións e suspensión de actividades no primeiro caso e coa limitación de adestramentos só de adultos e en solitario, algo que permite o decreto, no segundo caso.
O goberno insiste en que máis aló destas medidas que se tomen tanto desde a administración local como autonómica é necesario que as persoas cumpran coas restricións e, de forma especial, aqueles que se atopan en confinamento.