Sanxenxo reforza a seguridade sanitaria nas súas praias para a tempada estival

Sanxenxo
04 de maio 2020

O Concello modifica o prego de limpeza dos baños dos seus areais, aumentando a frecuencia de hixienización desde a súa apertura ao peche diario

Praia de Montalvo, en Sanxenxo
Praia de Montalvo, en Sanxenxo / Mónica Patxot

O Concello de Sanxenxo quere seguir mantendo durante o verán a limpeza e desinfección dos espazos públicos. Con esta máxima modifica o prego de condicións correspondente ao concurso público para a limpeza dos baños situados nas praias do municipio. Areais que volverían abrirse, de ter lugar as previsións do Goberno, o vindeiro 20 de xuño.

Con esa modificación establécese aumentar a frecuencia de higienización a cada hora e media, desde a apertura ata o peche; isto é de 11.00 a 20.00 horas, de luns a domingo. Afectará aos módulos de baño existentes nas praias de Areas, Panadeira, Silgar, Baltar, Caneliñas, Canelas, Paxariñas, Montalvo, Bascuas, Pragueira, Major, Foxos, Areas Gordas-A Lapa, Espiñeiro-A Lanzada e Area de Agra, que se estreará este ano.

A licitación ten un prezo base de 70.575,44 euros, IVE incluído. No prego de condicións tamén se establece que cada módulo dispoñerá de xel  hidroalcohólico xunto ao xabón e papel hixiénico. A subministración controlarase cada hora e media, coincidindo con cada limpeza e desinfección, de forma que non falte nunca. Ademais farase unha revisión periódica das instalacións e as reparacións necesarias, interiores ou de funcionamento; polas causas que sexan.

A limpeza incidirá especialmente en váteres, lavabos, billas, chan, paredes, portas, manillas e chaves da luz; e incluirá a recollida de lixo na contorna perimetral do módulo. Cada hora de limpeza quedará reflectida nunha ficha exposta á vista do público. Ademais a empresa adxudicataria entregará a Turismo de Sanxenxo unha comunicación semanal da súa xestión.