Sanxenxo redacta o peche da pista polideportiva de Nantes, cuxa construción avanza "a bo ritmo"

Sanxenxo
15 de outubro 2018

A actuación ten un orzamento de 199.990 euros, que serán financiados a través do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra

Obras de construción da pista polideportiva de Nantes
Obras de construción da pista polideportiva de Nantes / Concello de Sanxenxo

O Concello de Sanxenxo está a redactar a segunda fase do proxecto de construción da pista polideportiva de Nantes, que permitirá, entre outras actuacións, o seu cerramento lateral.

Despois de tres semanas de traballo as obras de construción desta infraestrutura avanzan a bo ritmo. A actuación ten un orzamento de 199.990 euros, que serán financiados a través do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra.

Ata o momento xa se nivelou o terreo e delimitouse a zona na que se depositará a soleira de formigón. Instalaranse os correspondentes canlóns e baixantes para a recollida de augas pluviais da cuberta.

A empresa adxudicataria propuxo unhas melloras por un valor de 26.700 euros, entre as que se atopa a substitución do papel sandwich de cuberta por un de maior grosor.

Ademais, o adxudicatario propón dotar á pista e ás zonas de seguridade da cuberta cun revestimento deportivo impermeable, de alta calidade, realizado con catro capas de morteiro.

A infraestrutura estará construída no exterior do recinto escolar, pero estarán comunicados a través dun portal de entrada. Así pois, tamén se poderá acceder á pista polo exterior, xa que fóra do horario escolar poderá ser utilizada por outros colectivos e funcionará como instalación municipal.