Sanxenxo recolle a S de sustentabilidade turística e as 18 Q de calidade

Sanxenxo
31 de maio 2024

O concelleiro de Turismo, Juan Deza, a concelleira e vicepresidenta de Nauta, Paula Martínez, así como a concelleira de urbanismo e deputada autonómica, María Deza, asistiron ao acto no Parador de Muxía, presidido por Alfonso Rueda

Entrega dos distintivos a Sanxenxo
Entrega dos distintivos a Sanxenxo / Concello de Sanxenxo

Sanxenxo recolleu esta mañá no Parador de Muxía a súa primeira 'S' de Sustentabilidade Turística 2024 da empresa municipal Nauta, que xestiona o porto deportivo Juan Carlos I, e 18 'Q' de Calidade Turística que ondearán en 16 praias (A Lapa, Areas, Areas Gordas, Baltar, Canelas, Caneliñas, Major, Montalvo, Panadeira, Silgar, Foxos y Paxariñas, Area de Agra, Bascuas e O Espiñeiro) e nas oficinas de Nauta e Turismo. 

O concelleiro de Turismo, Juan Deza, a concelleira e vicepresidenta de Nauta, Paula Martínez, así como a concelleira de urbanismo e deputada autonómica, María Deza, asistiron ao acto, presidido por Alfonso Rueda. 

O Concello de Sanxenxo destaca que ambos os distintivos, Q e S, constitúen dous elementos diferenciadores que achegan un valor engadido ao destino, mellorando a súa imaxe e reputación, así como a súa contribución á contorna sociocultural e ambiental que lle rodea.

Nauta estreará o novo distintivo este verán que se suma á Bandeira Azul, a Q de Calidade e a de Galicia Calidade. Os obxectivos que se marca a empresa municipal que xestiona o porto deportivo no seu plan de sustentabilidade son o control do consumo de auga a través de contadores para reducir a pegada hídrica, reducir as perdas de auga, uso de enerxías renovables e de alta eficiencia, accións divulgativas sobre a contorna mariña, calcular a pegada de carbono e implantar sistemas de xestión ambiental.

O Concello non deixa pasar a ocasión para lembrar que Sanxenxo é o municipio con maior número de bandeiras azuis de España, cun total de 17 insignias. Este verán ondearán tamén a bandeira de Praia sen Fume en 24 areais.

Os areais de Pampaído, Barreiros, A Granxa de Abaixo, Fontenla, Nanín e A Carabuxeira sumaranse este ano a Panadeira, Silgar, Baltar, Caneliñas, O Espiñeiro, Areas Gordas, A Lapa, Foxos, Nosa Señora da Lanzada, Major, Areas Esquerda, Areas Dereita, Agra, Canelas, Paxariñas, Montalvo, Bascuas e Pragueira.