Sanxenxo recibe da Deputación 1,1 millóns de euros

Sanxenxo
14 de xuño 2017

Un total de 1.119.511,11 euros serán destinados a Sanxenxo en 2017 provenientes do Plan de Concellos da Deputación

Praia de Pragueira
Praia de Pragueira / Concello de Sanxenxo

Un total de 1.119.511,11 euros serán destinados a Sanxenxo en 2017 provenientes do Plan de Concellos da Deputación.

Este diñeiro destinarase á mellora do viario de acceso da praia de Pragueira, a mellora do viario de acceso praia de Bascuas, mellora e reparación de distintos viarios no termo municipal, instalación de colector de saneamento de augas residuais en Mourelos (Noalla), pavimentación do núcleo de Bordóns, pista polideportiva cuberta no CEIP de Nantes e acondicionamento dun local para comedor no CEIP Magaláns (Dorrón).

Tamén se destinará unha parte desta axuda para a compra dun tractor con rozadora, brazo lateral e cabina forestal, material para facilitar a accesibilidade ás praias: cadeiras e muletas anfibias e andadores, maquinaria para o mantemento de parques e xardíns, flexipasarelas para mellorar a accesibilidade ás praias, tres lavapiés para praias e un módulo de aseo prefabricado para a praia da Panadeira.

Para amortización, pago de débedas e gastos correntes destinaranse 68.491,95 euros repartidos entre as seguintes actividades: II Tríatlon Concello de Sanxenxo, a XVII Milla Vila de Sanxenxo, I Trail Con da Ventureira, festas patronais de Sanxenxo e Santa Rosalía, Entroido 2017 e verán 2017.

Finalmente un total de 250.751,28 euros terán como destino a xeración de emprego na conservación e o funcionamento de bens e servizos municipais. Así se contratrán a 43 traballadores.

37 persoas traballarán en servizos, con contratos de 6 meses, dos cales 21 xa empezaron o pasado mes de marzo e os 16 restantes farano o día 15 deste mes. Estes 37 traballadores dependerán das concellerías de Medio Ambiente e Servizos e, segundo demanda, encargaranse de limpeza de praias, mantemento e conservación, e parque e xardíns. 5 persoas exercen como auxiliares administrativos desde abril, durante 9 meses. E, nese mesmo mes, incorporouse unha traballadora social durante 8 meses.

No 2016 o Concello de Sanxenxo recibiu un total de 1.151.433,73 euros e desde o goberno local apuntan que están todas as actuacións realizadas.