Aos poucos, a actividade económica en Sanxenxo vai retomando certa normalidade. A chegada da fase 1 da desescalada provocou este luns a reapertura de numerosos comercios e establecementos hostaleiros do municipio.
Os comercios, que ata a semana pasada traballaban con cita previa, agora fano con control de aforamento e cun protocolo hixiénico que se repite, adaptado sempre ás circunstancias de cada actividade.
As máscaras, o xel hidroalcohólico e as luvas, así como marcas no chan para garantir a distancia de seguridade, é a nova normalidade para o sector comercial.
"Os vestiarios están clausurados e a roupa que se toca pasa por un proceso de desinfección e corentena. O aforo para garantir o control mantémolo por baixo do que marca o decreto", explican desde a tenda Mitos da Rúa Progreso.
É precisamente nesta rúa onde os cambios marcados na fase 1 son máis evidentes. Tamén en Ponte Zapatillas a actividade renóvase con moitas preguntas e con cambios na atención. "Pedimos aos nosos clientes que ademais de desinfectar as mans, usen calzas para probar o calzado", asegura o seu responsable.
No sector da hostalería, a maioría dos establecementos que apostaron hoxe por inaugurar a tempada de terrazas neste proceso de desescalada mantivéronse abertos durante todo o estado de alarma ao coincidir con despachos de pan e empanadas.
"Baléirase unha mesa e vólvese a encher, apenas quedan baleiras uns minutos. Vese que a xente ten ganas de saír e de tomar algo nunha terraza", asegura o propietario da Panadería Paco mentres desinfecta mesa e cadeiras para os seguintes clientes á espera.
Baltar, pola súa banda, recuperou en parte una das estampas típicas do luns co mercado ambulante de produtos de alimentación, no que participaron un total de 14 postos de froitas, produtos salgados, queixos e embutidos volveron á actividade.
Entre cada posto, dous metros de distancia e un corredor de seis metros para o tránsito de clientes. Nas próximas semanas iranse incorporando os postos de téxtil e calzado para os que se establecerán quendas para respectar o aforo que se limita a un total de 39.
O Concello de Sanxenxo recuperará a partir de mañá a súa actividade presencial de atención ao público no Rexistro. Limitarase o aforamento a dúas persoas e manteranse as xestións telemáticas na medida do posible.
A atención no Catastro, Urbanismo, Intervención e Secretaría realizaranse con cita previa. Os que desexen realizar consultas nestes departamentos deberán chamar ao 986 72 00 75.