Sanxenxo contará cun punto de información e asesoría de Accem para inmigrantes residentes no municipio.
Un novo servizo que se enmarca dentro da colaboración e coordinación entre o Concello de Sanxenxo e a ONG para a acollida de refuxiados no municipio nos dous últimos anos.
Dentro deste traballo en conxunto, a concelleira de Servizos Sociais, Paz Lago, solicitou ao responsable territorial de Accem en Galicia, Daniel Bóveda, un punto de información a migrantes para facilitar o acceso ao asesoramento e evitar o desprazamento a Vigo onde se atopan as oficinas.
Este servizo ofrecerase a través do programa Gadea, financiado pola Xunta de Galicia a través do IRPF social, baseado en asesoramento técnico especializado en materia de estranxeiría e nacionalidade, así como orientación xeral noutras ramas do dereito.
Está dirixido a persoas migrantes que, independentemente da súa situación administrativa, se atopen en situación de vulnerabilidade e ofrecerase orientación sobre formas de regularización, solicitude de autorizacións iniciais, arraigamentos e renovacións de residencia, presentación de trámites a través da Plataforma Mercurio e información sobre a obtención da nacionalidade española.
O Concello facilitará un local para que Accem poida prestar servizo no municipio.