Sanxenxo prohibe a utilización de lume e de animais no desfile de Entroido

Sanxenxo
13 de febreiro 2017

O Concello de Sanxenxo destina para os premmios desta edición 9.525 euros tanto para as categorías infantís como para as de adultos

Desfile do Entroido 2016 en Sanxenxo
Desfile do Entroido 2016 en Sanxenxo / PontevedraViva

A concellería de Cultura de Sanxenxo está a ultimar os detalles da programación do Entroido que contará con dous eixos principais, o desfile infantil e o de adultos. O departamento que dirixe Sandra Fernández Agraso destina este ano 9.525 euros tanto para as categorías infantís como para as de adultos.

Unha das novidades do desfile e do concurso de disfraces infantil radica na data xa que se trasladan á tarde do 1 de marzo para que os escolares poidan participar no evento. Cultura manterá aberto ata o mesmo momento do desfile o prazo para inscribirse no certame.

Os interesados en sumarse a esta iniciativa terán de prazo ata as 14 horas do martes 28 de febreiro para apuntarse no Pazo Emilia Pardo Bazán ou a través do teléfono 986 727 936. Tamén poden esperar ao día da convocatoria, entre as 15.30 e as 16.30 horas, na mesa de inscrición que se instalará no Club de Xubilados de Sanxenxo.

As bases establecen catro cateogrías diferentes entre as que se repartirán un total de 1.300 euros en premios. A categoría individual establece tres premios de 90, 60 e 30 euros para os primeiros clasificados. Para a categoría parella tamén se establecen tamén tres premios de 100, 70 e 40 euros respectivamente. Na categoría de grupo de 3 a 10 compoñentes, na que polo menos o 50% dos compoñentes deberán ser menores de 16 anos, son tamén tres os premios: de 150, 120 e 90 euros para os tres mellores. A última categoría é a de grupo de máis de 10 compoñentes con premios de 300, 150 e 100 euros respectivamente.

A Concellería de Cultura decidiu este ano reducir ao 50% a porcentaxe de participantes menores de 16 anos para favorecer que as familias poidan concorrer xuntas a este desfile, xa que en edicións anteriores as parellas con dous fillos menores víanse excluídas.

Outra das novidades deste ano é a prohibición de utilizar calquera clase de lume, xa sexan artefactos pirotécnicos, lanzadores de chamas ou calquera outra ferramenta similar. Tamén se prohibe a participación de calquera animal vivo

Para o desfile de adultos, a Concellería de Cultura reservou 8.225 euros en premios aos que poderán concorrer todos os maiores de 16 anos nas categorías individual, parella, grupo de ata oito compoñentes, de nove a 20 integrantes, de máis de 20, e a categoría fantasía que deberá estar composta por máis de 20 membros. Os premios serán de 175, 125 e 75 euros para a categoría individual. De 450, 300 e 200 para os grupos de máis de oito compoñentes; de 700, 350 e 250 euros para os tres primeiros na categoría de 9 a 20 compoentes, e de 1.600, 800 e 500 euros para os de máis de 20 compoñentes. Por último, na categoría fantasía, con máis de 20 compoñentes, os premios son de 1.000 euros, 700 e 450 euros para os tres primeiros clasificados.

A inscrición poderá formalizarse ata as 14.30 horas do venres 3 de marzo chamando ao 986 727 936.  Tamén poderán facelo antes do comezo do desfile na mesa da organización, que estará situada na avenida Luís Rocafort, desde as 15 ás 16 horas. 

Arquivado en