Sanxenxo prepárase para a fin de semana grande do seu entroido

Sanxenxo
15 de febreiro 2018

As previsións meteorolóxicas darán un respiro para poder gozar das diferentes actividades festivas programadas no municipio ata o vindeiro domingo 18 de febreiro

Desfile infantil de entroido de Sanxenxo
Desfile infantil de entroido de Sanxenxo / Concello de Sanxenxo

As previsións meteorolóxicas melloran para sábado e domingo e Sanxenxo respira con alivio pensando na fin de semana grande do seu entroido.

As actividades programadas no municipio arrancarán xa o venres co espectáculo de parodias no porto de Portonovo, a partir das 22:00 horas, unha iniciativa dos propios veciños que busca a participación e a diversión.

Portonovo vivirá ademais o sábado 17 a 'Festa do Jato', organizada por diferentes locais con actividades e música durante todo o día. 

Será un preludio do que chegará o domingo 18 de febreiro co día grande do entroido, empezando ás 12:00 horas co Desfile Concurso Infantil de Disfraces, con 1.300 euros en premios, que partirá da Avenida Luís Rocafort para finalizar na Praza dos Barcos.

As inscricións para participar seguen abertas no Pazo Emilia Pardo Bazán, no teléfono 986.72.79.36 ou o propio día, no Club de Xubilados de Sanxenxo, desde as 10.30 ata as 11.30 horas.

Por último chegará o prato forte, o Gran Desfile de Entroido e Concurso de Disfraces, que partirá ás 16:30 de Luís  Rocafort para percorrer o paseo de Silgar,  Punta Vicaño, a PO-308, e Rafael Picó para chegar ao recinto portuario de Portonovo. 

Ao concurso poderán concorrer todos os maiores de 16 anos, nas categorías individual e parella e grupo de ata 8 compoñentes, de 9 a 20 integrantes e de máis de 20. Así como tamén a categoría fantasía, que deberá estar composta por un conxunto de máis de 20 membros, estando establecidos tres premios para cada unha destas categorías, destinándose a este fin un total de 8.225 euros. As inscricións tamén poden formalizarse no Pazo Emilia Pardo Bazán ou no teléfono 986.72.79.36. 

Superada a fin de semana, o entroido de Sanxenxo chegará ao seu fin o luns 19 de febreiro co tradicional Enterro da Sardiña, percorrendo as principais rúas de Portonovo a partir das 20.00 horas finalizando como é habitual no porto.

Arquivado en