O entroido festexarase ao grande en Sanxenxo. Serán en total oito días de festas nas que haberá actividades para todas as idades, segundo avanzou este venres o goberno municipal. A programación, que terá un aperitivo mañá cunha festa circense, comezará o vindeiro luns 27 de febreiro.
Todo arrancará cos "entroidiños", unha festa para nenos de 3 a 12 anos de idade que durante as vacacións escolares ofrecerá unha alternativa lúdica, totalmente gratuíta e en horario matinal, de 11 a 14 horas.
Xogos, música, talleres e moita diversión serán as opcións de que dispoñan os máis pequenos o luns 27 no edificio de usos múltiples de Portonovo, o martes 28 no Pazo Emilia Pardo Bazán e o mércores 1 de marzo no pavillón de Vilalonga.
A asociación cultural San Caetano de Arra organizará o martes día 28 unha festa infantil con xogos, inchables, concurso, sorteos e música do Trío Arena, que comezará ás 15 horas no campo das festas de Arra.
O prato forte volverán ser os dous desfiles e os concursos de entroido.
O primeiro deles será o infantil, que se celebrará o mércores de cinza, o 1 de marzo. Ás 16 horas os participantes concentraranse na avenida Luís Rocafort, de onde sairá o desfile unha hora máis tarde para concluír na Praza dos Barcos.
As bases establecen catro categorías diferentes -individual, parella, grupo de entre 3 e 10 compoñentes e grupo de máis de dez persoas-, que se repartirán un total de 1.300 euros en premios.
O enterro da Sardiña, organizado pola asociación Amigos da Dorna de Portonovo, encargarase de completar a programación deste mércores de cinza, cun velorio e percorrido polas principais rúas da vila ata o recinto portuario, a partir das 20 horas.
O venres día 3 de marzo, ás 22 horas, celebrarase no porto de Portonovo o Espectáculo de Parodias con diferentes imitacións humorísticas e o espectáculo Nabiza Girl, de Isabel Risco. Ese día Vilalonga vivirá o Enterro da Cabra, organizado pola Agrupación Veciñal, cunha festa que comezará na Praza Pública ás 21.30 horas e un percorrido posterior.
O sábado día 4 terá lugar a Festa do Jato, organizada polos locais de Portonovo coa colaboración da Concellería de Cultura
O colofón á programación poñerao o gran desfile de entroido e concurso de disfraces que irá, como é habitual, desde a vila de Sanxenxo ata a de Portonovo.
Terá lugar o 5 de marzo e partirá ás 16.30 horas da avenida Luís Rocafort e continuará polo Paseo de Silgar, Punta Vicaño, a estrada xeral e a rúa Rafael Picó ata chegar ao recinto portuario onde se concentrarán os participantes.
Para este desfile reserváronse 8.225 euros en premios, aos que poderán optar todos os maiores de 16 anos nas categorías individual, parella, grupo de ata oito compoñentes, de nove a 20 integrantes, de máis de 20, así como na categoría fantasía, que deberá estar composta por máis de 20 membros.
En Dorrón, iso si, o entroido prolongarase un pouco máis e será o 18 de marzo cando esta parroquia celebre a súa festa de disfraces, a partir das 17 horas na Casa de Cultura da parroquia, organizado pola Asociación Soalleira de Dorrón.