Este próximo venres 28 de febreiro, ás 8:30 horas, o Concello de Sanxenxo celebrará un pleno extraordinario que leva como asunto destacado o novo prego da recollida de lixo, limpeza viaria e praias por 4,4 millóns ao ano.
Dúas alegacións presentadas ante o Tribunal Administrativo de Contratación Pública da Comunidade Autónoma de Galicia (Tacgal) por Arroupa e Cegasal obrigaron a repetir o proceso.
O goberno local retirou do contrato a recollida, transporte e tratamento do téxtil, así como os voluminosos.
A cifra de licitación é lixeiramente superior á primeira debido á actualización de prezos, así como novas actuacións que entran no contrato como a poda de Punta Vicaño ou a compra de novos composteros comunitarios ou bases para contendores no rural.
Desde o goberno local destacan que o prego supón "un cambio profundo con respecto ao servizo actual" cuxa concesión xa finalizou, pero dispón dunha prórroga até a nova adxudicación.
Entre as novidades destacan a ampliación da cobertura dos servizos de limpeza en todo o termo municipal, o rozado das pistas do rural, o reforzo do servizo nos meses de ocupación media como abril, maio e outubro. Ademais, está prevista a compra de novos vehículos e maquinaria.
O prego contempla a substitución dos colectores de todo o termo municipal dotados con sensores do nivel de enchido, tamén a implantación da recollida dos residuos orgánicos, colector marrón, en todo o termo municipal.
Outra novidade é a recollida do colector marrón e gris o sete días da semana na tempada alta e media e seis días na tempada baixa, e a recolleita porta a porta para a canle Horeca e hostalaría (hoteis, pensións, cámpings) diaria.
En canto á limpeza viaria, o prego inclúe en subministración, mantemento e recollida de papeleiras; a limpeza de beirarrúas, calzadas, espazos públicos e zonas peonís; a limpeza de manchas de aceites, graxas, ceras, chicles, etc; a limpeza de mercados e mercadillos; a limpeza de actos festivos e eventos, anterior e posterior á súa celebración e a eliminación de malas herbas en bordos e beirarrúas, escaleiras, así como o varrido manual e mecánico de beirarrúas e calzadas.
Respecto da limpeza de praias inclúese a limpeza manual, mecánica, despedregado de area e retirada de residuos; arado en profundidade para oxigenación da area; a limpeza de pasarelas de madeira, acceso de escaleiras e lavapies; a recollida de lixo en colectores; a limpeza manual de algas e mecánica cando se produzan grandes acumulacións e retirada a instalación de tratamento e/ou eliminación autorizada; a limpeza dos retretes.
Por último, no apartado de vehículos e materiais inclúese no prego aqueles vehículos necesarios para o servizo poderán incorporar o sistema "mellorado" dual diesel-gas, etiquetaxe como ECO pola Dirección Xeral de Tráfico.
Ademais, Sanxenxo ten 651 illas de residuos e máis de 2.000 colectores que a adxudicataria terá que renovar por novos provistos de sensor de nivel de enchido e instalar as papeleiras necesarias e ocuparse do seu mantemento.