O Pleno do Concello de Sanxenxo aprobou este luns a moción pola que instará o Goberno de España a crear un fondo económico de 5.000 millóns de euros destinado á recuperación económica dos concellos máis afectados pola crise do Covid-19. O documento, presentado polo grupo municipal do PP, é un resumo do texto aprobado pola FEMP e co que se busca a reactivación das administracións locais.
O acordo, que saíu adiante cos votos favorables de populares e socialistas e a abstención de Ciudadanos e BNG, será trasladado ao Goberno para que de forma inmediata propicie a reforma lexislativa que sexa oportuna. "Permítenos usar ese remanente de tesourería nesta situación de crise sanitaria, pero tamén económica. Foi un acordo unánime de todos os alcaldes de España de distintas formacións políticas", apuntou a concelleira de Facenda, Patricia Martínez.
O alcalde, Telmo Martín, incidiu nos beneficios deste fondo para o municipio. "A Sanxenxo lle correspondería 1,7 millóns de euros deste fondo. Unha cantidade nada despreciable", indicou.
Así mesmo, durante a sesión deuse luz verde á medida proposta do goberno local sobre exención das taxas das terrazas cos votos a favor do PP, PSOE, BNG e Ciudadanos
ASFALTADO
O goberno local está a executar melloras en varios asfaltados do municipio que inclúen a renovación da pavimentación de rúas Constitución e Madrid en Sanxenxo e o vial de Vista Alegre en Portonovo. O investimento nestes tres viarios ascende a 43.401 euros.