Sanxenxo pelexará polos fondos europeos coa súa Axenda Urbana

Sanxenxo
17 de decembro 2023

Comeza a redacción do plan de acción da Axenda Urbana 2030 do Concello de Sanxenxo. Este documento é un elemento fundamental para poder acceder a axudas económicas dependentes de fondos europeos

Vista aérea da escultura do Atlante na súa ubicación provisional
Vista aérea da escultura do Atlante na súa ubicación provisional

O Concello de Sanxenxo contratou a redacción, implementación, planificación, seguimento e avaliación do Plan de Acción da Axenda Urbana 2030 que permitirá estruturar a planificación da estratexia municipal, sendo un elemento fundamental para poder acceder a axudas económicas dependentes de fondos europeos. 

O documento que está impulsado desde o departamento de Urbanismo, dirixido por María Deza, ten un carácter transversal e afecta a todos os departamentos e áreas do goberno.

Sanxenxo cumpre cos requisitos do Ministerio de Transportes, Movilidad e Axenda Urbana para ser unha área urbana: O seu núcleo urbano está densamente poboado, o peso do sector servizos é igual ao dunha poboación media de 20.000 ou 50.000 habitantes, teñen un crecemento vexetativo positivo e inclúese dentro dos municipios con potencial de acollida alto.

O deseño da axenda urbana para Sanxenxo seguirá o seguinte esquema: Diagnóstico da área urbana, elaboración do marco estratéxico sobre o modelo de cidade, proceso de participación cidadá e social e elaboración do Plan Estratéxico de Acción Local.