O Concello de Sanxenxo distribuirá entre ceen familias do municipio tarxetas para realizar compras de alimentos e outros artigos de primeira necesidade. O importe total que o goberno local destina a esta axuda ascende a 12.000 euros. Actualmente unhas trinta familias están a beneficiarse desta iniciativa, pero o executivo sanxenxino decidiu triplicar o orzamento e ampliar a concesión das mesmas polo menos ata abril.
O departamento de Servizos Sociais encargarase da repartición destes cheques entre as familias que coa crise sanitaria haxan visto reducidos os seus ingresos ata un 75 % e que estean empadroados no municipio. Os que desexen acollerse a esta axuda deben poñerse en contacto con este departamento e encher un impreso que será logo analizado para a concesión dos fondos.
En función da situación económica e o número de membros da familia concederanse tarxetas cargadas con importes comprendidos entre os 60 e 150 euros.
A compra deberá realizarse nos supermercados Eroski cos que o Concello de Sanxenxo subscribiu un acordo.
Así mesmo, desde o goberno local lembran que todos os veciños que precisen axuda psicolóxica teñen á súa disposición á psicóloga do departamento de Servizo Sociais que prestará tanto atencións telefónicas como presenciais en horario laboral.
Doutra banda, Turismo de Sanxenxo pon en marcha unha actividade pensada para os máis pequenos da casa. Debuxa Sanxenxo é o nome dun programa que anima aos participantes a que plasmen nun folio o que máis lle gusta do seu pobo ou o seu mellor recordo e envíeno cos seus datos persoais a [email protected]. As obras serán expostas en cerano na oficina de turismo do Porto Deportivo, onde obsequiarán tamén aos participantes cunha caixa de pinturas.