Sanxenxo, O Grove, Meaño e Cambados pasan a nivel máximo e Pontevedra, A Illa, Vilagarcía, Vilanova , Marín e Poio a alto

Pontevedra
21 de xullo 2021
Actualizado: 14:13

Nestes municipios en nivel máximo e alto quedará pechado o lecer nocturno e establécense novas medidas para o acceso á hostalería. Para acceder ao interior dos locais o cliente deberá presentar PCR ou test de antíxenos negativos das 72 horas previas ou acreditar pasar a enfermidade ou ter a pauta de vacinación completa

Persoas paseando con máscara polas rúas de Pontevedra
Persoas paseando con máscara polas rúas de Pontevedra / Cristina Saiz

Catro municipios da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés entrarán o vindeiro sábado 24 de xullo no nivel máximo de restricións e a partir desa mesma data outros seis estarán en nivel alto e en todos eles entrarán en vigor novas restricións relacionadas coa hostalería e o lecer nocturno. 

En risco extremo están Sanxenxo, O Grove, Meaño e Cambados, que entran, por tanto, en nivel máximo. Tamén preocupante é a situación en Pontevedra, A  Illa, Vilagarcía, Vilanova , Marín e Poio, que pasan ao nivel alto. 

Así o anunciou este mércores o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, que compareceu para anunciar as medidas acordadas polo comité clínico de expertos que asesora á Xunta de Galicia na xestión da pandemia da covid-19. 

Segundo as medidas anunciadas por Feijóo, nestes municipios en nivel máximo e alto quedará pechado o lecer nocturno mentres que no resto de municipios o seu funcionamento seguirá como ata o de agora. Os locais deberán realizar un rexistro de clientes, ter medidor de CO2 e pechar ás tres da madrugada. 

En todos estes concellos en nivel máximo e alto, ademais, establécense novas medidas para o acceso á hostalería. Para acceder ao interior dos locais o cliente deberá presentar  PCR ou test de  antígenos negativos das 72 horas previas ou acreditar pasar a enfermidade ou ter a pauta de vacinación completa

Ademais, no nivel máximo, a ocupación queda limitada ao 30 % en interior e 50 en exterior e no alto, 50% en interior e exterior. 

En ningún destes dous niveis haberá limitacións á mobilidade ou peche perimetral, senón que se poderá entrar e saír dos concellos sen limitacións.

SITUACIÓN DE SANXENXO

Feijóo referiuse, a preguntas dos medios de  comunicación, á situación de Sanxenxo, que este mércores ten 305 casos activos, 20 máis que o martes, e que xa a semana pasada tiña unha elevada incidencia e, con todo, non se meteu nos municipios con máximo nivel de restricións. 

Segundo explicou Feijóo, neste municipio notouse o "impacto da poboación flotante", que se cuadriplica cada verán, de modo que houbo que tomar medidas diferentes. Agora xa se activa o nivel máximo e o presidente galego insiste en que "Sanxenxo está en situación de rocha extrema".

O alcalde, Telmo Martín, recoñeceu que o crecemento dos positivos nos últimos días foi "explosivo" e pediu á poboación "esforzarnos para reverter esta situación". 

O rexedor tamén valora de forma positiva a nova medida que permitirá abrir o interior da hostalería a pesar de pasar a nivel máximo "sempre que se acredite estar libre de covid".   

NIVEL MEDIO

O comité clínico tamén acordou os concellos que se manterán en nivel medio a partir da medianoite do sábado 24 e aparecen varias novidades na área sanitaria. En concreto, entran na lista municipios que ata agora estaban en nivel medio-baixo como Ponte Caldelas ou Bueu.

Desde o sábado terán nivel medio Meis, Ribadumia, Caldas de Reis, Redondela, Bueu e Ponte Caldelas.