Tras dúas suspensións previas, o Concello de Sanxenxo celebrará finalmente o seu desfile de entroido o próximo sábado 7 de marzo.
Así o confirmou a concelleira de Cultura, Paz Lago, quen explicou que a decisión de suspendelo esta fin de semana respondía a cuestións de organización "complexas de solucionar". Pero o propio sábado, tras anunciar a cancelación, "tanto veciños como grupos participantes se puxeron a disposición do Concello para poder manter a cita en Sanxenxo".
Dende ese momento, destacou, o goberno municipal "estivo traballando para levalo a cabo", ultimándose esta mesma mañá a posibilidade de realizalo.
A parada terá lugar cos mesmos horarios previstos nas anteriores convocatorias, de modo que sairá ás 16.30 horas da avenida Luis Rocafort de Sanxenxo e continuará polo Paseo de Silgar, Punta Vicaño, a estrada xeral e a rúa Rafael Picó ata chegar ao recinto portuario onde se concentrarán os participantes.
A inscrición poderá formalizarse ata as 14.30 horas do venres chamando ao número de teléfono 986 727 936, aínda que aquelas persoas que non o fagan previamente terán a oportunidade de anotarse antes do comezo do desfile na mesa da organización, que estará situada na Avenida Luis Rocafort, dende as 15.00 ás 16.00 horas.
Paz Lago aproveitou a ocasión para "dar ás grazas aos diferentes departamentos municipais, empresas e persoas colaboradoras pola súa implicación e disposición a hora de facer un terceiro intento" e comentou que este evento se desenvolverá o sábado para non interferir nos actos programados para o domingo polo Concello de Sanxenxo con motivo da celebración do Día da Muller.
CORTES DE TRÁFICO
A partir das 15.00 horas do sábado e ata que se inicie o desfile, a Policía Local cortará ao tráfico a Avenida Luis Rocafort. Durante o transcurso da parada pechará así mesmo o tramo do Paseo de Silgar que discorre ata Punta Vicaño, a estrada xeral á altura de Baltar e a Rúa Rafael Picó, rúas polas que se volverá circular unha vez pasen as carrozas.
Á súa vez, dende as 14.00 horas ata que remate a parada non estará permitido estacionar na Avenida Luis Rocafort, no Paseo de Silgar dende a súa confluencia con esta avenida ata a rotonda de Baltar; na Avenida de Galicia e en Rafael Picó.