Sanxenxo mostra a calidade da gastronomía de 'Villas Marineras' no primeiro intercambio de cociñeiros

Sanxenxo
20 de marzo 2014

Profesionais de Laredo, Ribadesella e Viveiro presentaron este xoves no municipio as súas propostas baseadas na calidade dos produtos do mar

Sanxenxo acolleu este xoves o primeiro intercambio de cociñeiros de Vilas Mariñeiras, unha iniciativa coa que os dez municipios que conforman este grupo pretenden "exportar unha característica que define a todos os municipios asociados, como é unha magnífica gastronomía baseada na calidade dos produtos do mar e nunha coidada elaboración", sinalou a alcaldesa, Catalina González, que actuou como anfitriona deste primeiro e único evento que se celebra en Galicia.

Nesta ocasión foron Alfonso López, do restaurante Plaza de Laredo; Jaime Uz, do restaurante Arbidel de Ribadesella; e José María García, do restaurante Louzao de Viveiro; os profesionais encargados de preparar o menú, contando coa colaboración da Escola de Hostalaría da Mancomunidade do Salnés, onde tivo lugar o acto.

"Decidimos organizar aquí esta presentación porque entendemos que ademais de divulgar as excelencias da nosa gastronomía é importante poñer en contacto aos alumnos desta escola con cociñeiros profesionais xa que é unha experiencia enriquecedora para a súa formación", apuntou a rexedora.

Representantes de medios de comunicación, blogueiros gastronómicos, membros da directiva do Consorcio de Empresarios Turísticos de Sanxenxo (CETS), do Clúster de Turismo de Galicia e da Mancomunidade do Salnés, participaron neste encontro. Tamén estiveron os alcaldes de San Vicente de la Barquera, Julián Vélez; e do Grove, Miguel Ángel Pérez; así como as rexedoras de Ribadesella, Rosario Fernández; e de Viveiro, María Loureiro; ademais dos edís de Turismo de Sanxenxo, Almudena Aguín; de Laredo, Laura Recio; de San Vicente de la Barquera, Magdalena Navarra; de Baiona, María Iglesias Fernández; e de Viveiro, Covadonga Viamonte.

"Formar parte desta asociación resulta moi interesante para Sanxenxo, xa que está formada por concellos de tres comunidades autónomas do norte de España ou que nos permite aproveitar ás sinerxías na promoción destes destinos que comparten a cultura do mar", comentou Catalina González.

INTERCAMBIO DE COCIÿEIROS

A asemblea da agrupación Vilas Mariñeiras, á que pertencen Sanxenxo, Baiona, Viveiro, Ortigueira, Cudillero, Ribadesella, Llanes, San Vicente de la Barquera, Santoña e Laredo, acordou na reunión que tivo lugar en xaneiro en Madrid, realizar un intercambio gastronómico en cada unha das tres comunidades autónomas das Vilas Marineras e no que participarán todas as localidades organizadoras.

Sanxenxo estreou esta acción coa presenza de cociñeiros de Laredo, Ribadesella e Viveiro, e nos próximos meses profesionais do municipio protagonizarán presentacións en Asturias e Cantabria.