O goberno municipal de Sanxenxo traballa nun plan de seguridade nas súas praias que incluirá, entre outras medidas, a medición do nivel do aforo en praias a través de drons que sobrevoarán desde a beira do mar e que informarán case en tempo real do estado de ocupación.
A través das redes sociais municipais, emitiranse as imaxes das distintas praias de Sanxenxo e mesmo se detallará o nivel de ocupación por porcentaxe e cores.
A información será actualizada periodicamente para que o usuario coñeza case en tempo real o estado do areal e poida planificar a súa visita.
Sanxenxo xa apostara por este sistema aéreo o verán pasado para reforzar o servizo de vixilancia e control de praias ante unha situación de salvamento no mar.
"Dounos un moi bo resultado e apostamos por aplicar o mesmo método, pero con distinta función e adaptado á situación na que vivimos", asegura o alcalde, Telmo Martín.
Os drons, ademais, terán a posibilidade de lanzar mensaxes de recomendación se cando sobrevoa un areal detecta unha concentración excesiva de persoas nun punto
O goberno local incorpora esta medida para dotar de seguridade ás outras 17 praias máis concorridas do municipio e súmase ao plan de cuadrículas presentado xa hai dúas semanas para garantir a distancia de seguridade no areal urbano de Silgar.
Ademais, Sanxenxo considera que a medida proposta pola Xunta para o control dos aforos en praias "pode ser moi útil", pero no seu caso teñen outros plans.
"A aplicación da Xunta está dando moi bos resultados na praia das Catedrais, pero en Sanxenxo xa temos previstas outras medidas que se adaptan mellor as nosas circunstancias e nas que levamos tempo traballando", avanza Telmo Martín.