Sanxenxo mantén unha ocupación do 50% no mes de xullo máis atípico da historia

Sanxenxo
01 de agosto 2020

Unha boa parte dos empresarios turísticos do municipio conseguiron manter prezos e conter a caída do emprego, a pesar da baixada dun 30% de ocupación con respecto ao mesmo período do ano anterior

Praia de Silgar coas áreas parceladas
Praia de Silgar coas áreas parceladas / Cristina Saiz

No que está a ser un verán moi complicado para o sector, os empresarios turísticos de Sanxenxo conseguiron marcar unha ocupación media durante o mes de xullo do 50,05% no conxunto dos seus asociados, segundo arroxa a enquisa de ocupación realizada polo Consorcio de Empresarios Turísticos de Sanxenxo ( CETS) na que participaron 84 establecementos.

Esta porcentaxe supón unha caída de 33 puntos con respecto ao mesmo período do ano pasado, o que supón unha caída menor do esperado a teor das especiais circunstancias nas que o sector traballou durante este mes de xullo.

Hoteis, cunha media de ocupación do 50% , e apartamentos turísticos, cun 70%, obtiveron os mellores cocientes de ocupación media durante o pasado mes, seguidos de pensións e cámpings, que ocuparon en torno ao 40% das súas prazas, aínda que a ocupación media foi superior durante as fins de semana en todas as tipoloxías de aloxamentos, dentro da tendencia de viaxes de máis curta duración que se viñeron producindo tras o comezo da pandemia.

Desde o CETS a lectura que se fai destes datos é positiva, sobre todo se temos en conta que o destino turístico de Sanxenxo conta con 16 mil prazas de aloxamento.

Desde o Consorcio destacan, ademais, a aposta maioritaria do empresariado por manter os prezos de tempada, traballando por un turismo de excelencia que se diferencie polo servizo de calidade ofertado, unha das liñas de traballo do CETS na súa folla de roteiro para a consolidación dos bos resultados obtidos nos últimos anos.

"Evidentemente este non vai ser un ano para falar de récords ou de cifras ocupación se non para traballar na rendibilidade", explica o presidente do CETS, Alfonso Martínez, que destacou o gran esforzo que está a facer o conxunto dos empresarios do municipio líder en turismo vacacional do norte peninsular para manter o emprego que xera o sector, motor da economía do municipio.

"Está a ser unha tempada na que os empresarios do sector están a apostar decididamente polo futuro do turismo en Sanxenxo, con esforzo, con moito sacrificio e con cabeza", afirmou. En torno ao 50% dos empresarios enquisados asegura que conseguiu manter os postos de traballo neste mes con respecto a xullo de 2019 aínda que moitos outros se viron na obrigación de reducilos.

PREVISIÓN PARA AGOSTO

Finalmente, Alfonso Martínez destacou que as perspectivas para o mes de agosto son positivas, aínda que todos os empresarios coinciden en ser cautos, debido a que se a tendencia nos últimos anos era a unha contratación cada vez máis de última hora, este verán incrementouse esta tendencia, o que fai moi complicado ter previsións de ocupación para o conxunto do mes.

En calquera caso a situación seguirá marcada pola situación sanitaria derivada da COVID19, polo que desde o CETS destacan a importancia de manter a aplicación estrita de todos os protocolos de rexistro de visitantes, distanciamento social e hixiénico-sanitarios para evitar calquera incidencia da enfermidade no municipio, tal e como se veu conseguindo ata o de agora.