Ao longo da próxima semana, o Concello de Sanxenxo poñerá en marcha un novo operativo integral de limpeza e desinfección en todo o municipio.
O obxectivo destes traballos, segundo o goberno municipal, é reforzar a desinfección que xa se fai a diario nas zonas de maior confluencia de público como contornas de farmacias, supermercados e mercados de abastos, entre outros establecementos.
Nas tarefas de limpeza, ademais dos espazos públicos, incluiranse tamén o mobiliario urbano, as marquesiñas e os contedores.
O cronograma de traballo como na anterior ocasión dividirase por días e parroquias.
O reforzo especial de limpeza centrarase o luns, mércores e venres en Dorrón, Bordóns, Fontoria, Nantes, Dadín, Fabal, Adina e Gondar. O martes, xoves e sábado será en Noalla, Vilalonga, Altamira, Gondar, Catadoiro e Arra; e de luns a sábado, o operativo reforzará a desinfección en Sanxenxo, Portonovo Vilalonga e A Revolta.
As tarefas de hixienización continuarán como ata o de agora de forma diaria nas contornas de espazos máis transitados.
Para este operativo especial de limpeza sumarase persoal de Ascan e operarios municipais de limpezas e xardíns con mochilas e máquinas coas que cun líquido desinfectante chegarán a todos os espazos públicos. Pola súa banda, a concesionaria de limpeza achegará a esta mobilización unha baldeadora e un camión grande que axilizarán os traballos.
Os edificios municipais tamén foron obxecto deste operativo desinfectante e os traballos estenderanse tamén ao exterior dos patios de colexios e centros educativos para garantir a máxima hixiene no caso de que os nenos regresen ás aulas este curso.
De todos os xeitos, o goberno local ten previsto reforzar a limpeza tanto exterior como interior dos colexios durante o próximo curso para garantir, no posible, a seguridade sanitaria.