Sanxenxo estrea plataforma de reserva online de vivendas turísticas

Sanxenxo
06 de xullo 2019

A nova central de reservas impulsada pola Asociación de Vivendas Turísticas de Galicia (Aviturga) foi presentada o venres no Auditorio Emilia Pardo Bazán de Sanxenxo

Presentación da central de reservas de Aviturga
Presentación da central de reservas de Aviturga / Concello de Sanxenxo

A Asociación de Vivendas Turísticas de Galicia (Aviturga) presentou en Sanxenxo unha central de reservas propia xestionada polos propietarios dos aloxamentos.

A plataforma, bautizada como Vitgal, nace segundo a presidenta de Aviturga, Dulcinea Aguín, para evitar a propietarios e hóspedes comisións abusivas como as que aplican grandes plataformas. "Nalgúns casos estas cantidades son asumidas na súa totalidade polo propietario e noutras repercutido en diferente porcentaxe entre este e o hóspede. En calquera caso, o prezo da estancia increméntase e o beneficio lévallo unha plataforma cuxa xestión se limita a ofrecer a través da rede os nosos aloxamentos", explicou Aguín.

A nova plataforma é a primeira destas características que se crea en Galicia e a única que estará xestionada e dirixida polos propietarios particulares que alugan as súas segundas residencias para estancias turísticas.

Vitgal inicia a súa andaina cun cento de vivendas en toda Galicia, pero coa intención de converterse en poucos meses, segundo os cálculos de Aviturga, nun escaparate de referencia.

Desde que hai dous anos entrou en vigor o novo decreto que regula os pisos turísticos en Galicia, déronse de alta no rexistro autonómico 8.541 vivendas e 6.300 propietarios, dos que a maioría se sitúa en Sanxenxo. Este municipio pontevedrés conta con 1.629 aloxamentos turísticos no mercado superando a cifra das sete cidades galegas, encabezadas por Santiago de Compostela (566 propiedades).

Aviturga asociouse con Eviivo, empresa británica de reservas en liña, para poñer en marcha este proxecto, presentado nun acto no Pazo Emilio Pardo Bazán de Sanxenxo.