Un total de 24 municipios galegos, entre eles Sanxenxo, A Illa de Arousa e Silleda, lucirán este ano a bandeira verde coa que a Xunta de Galicia recoñece o esforzo que todos eles realizan en fomentar boas prácticas medioambientais e medidas de protección da paisaxe.
Trátase dunha "marca propia" que o goberno galego quere "poñer en valor" en Europa, segundo avanzou este xoves a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, para quen Sanxenxo é o "escaparate perfecto" para exhibir esta estratexia.
Para iso, Galicia creará unha rede de concellos con bandeira verde que sirva como mostrar "o que estamos facendo máis alá das esixencias das directivas comunitarias" para conseguir que, no horizonte do ano 2040, "sexamos un gran referente" en neutralidade climática
Este distintivo, segundo detallou Vázquez, supón un recoñecemento aos municipios que destacan no desenvolvemento de boas prácticas para o coidado da súa contorna.
Así, entre outros parámetros, a bandeira verde certifica o respecto pola paisaxe, a redución das emisións de dióxido de carbono (CO2), a posta en valor de monumentos naturais, a educación e sensibilidade ambiental ou a redución do consumo enerxético.

Con este distintivo, incidiu a conselleira, "recoñecemos a excelencia das augas, os espazos verdes para poder transitar ou o reverdecer das nosas zonas urbanas", o que dá como resultado "un produto turístico de calidade" que atrae cada vez máis aos visitantes.
A titular de Medio Ambiente e Cambio Climático animou aos concellos galegos a sumarse a esta liña de traballo e, a este respecto, avanzou que este "esforzo" terá tamén a súa "recompensa" en materia de concesión de axudas e subvencións.
Os titulares desta bandeira verde recibirán a "máxima puntuación" á hora de realizar "accións sobre o territorio" e acceder a axudas relacionadas co patrimonio natural e coa xestión dos residuos e a súa reconversión en recursos.
Para Ángeles Vázquez, Sanxenxo é un "refuxio climático" grazas ao desenvolvemento nos últimos anos de distintas iniciativas como un plan de mobilidade sostible, un plan de acción para o clima e a enerxía sostible ou unha axenda urbana con horizonte no ano 2030.
O alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín, destacou pola súa banda que esta bandeira "é a patroa" de todos os distintivos de calidade que recibiu o municipio "porque é un recoñecemento de que se están facendo as cousas na liña que marcará o futuro de Europa".
"É a marca de que estamos facendo as cousas ben", sentenciou Martín, que sostivo que sen esta aposta pola calidade ambiental "non será posible o Sanxenxo que queremos".
Sanxenxo volverá optar á bandeira verde o próximo mes de marzo con iniciativas como as novas zonas de axardinamento, o reaproveitamento como xardineiras das pas eólicas en desuso no paseo de Silgar, a reutilización do material na reforma do Miradoiro da Peixeira ou a apertura de Portonovo ao mar.