Sanxenxo equipara o persoal laboral cos funcionarios, sen o apoio de CC.OO.

Sanxenxo
16 de xuño 2016

O acordo recolle a totalidade das alegacións presentadas ao documento elaborado pola concellería de Persoal cos votos favorables de CIG, CSIF e RPLS (Agrupación do Persoal Laboral)

Mesa de negociación sobre o persoal laboral en Sanxenxo
Mesa de negociación sobre o persoal laboral en Sanxenxo / Concello de Sanxenxo

O goberno local de Sanxenxo aprobaba este xoves 16 o acordo de equiparación do persoal laboral co réxime dos funcionarios, despois dunha votación na que CIG, CSIF e RPLS (Agrupación do Persoal Laboral) apoiaron a proposta mentres que Comisiones Obreras decidiu non votar. Este acordo inclúe a instrución do régime de vacacións, permisos e licenzas no Concello de Sanxenxo, o organismo autonómo Terra de Sanxenxo e as sociedades municipais. Os sindicatos CIG e CSIF presentaron alegacións, que foron aceptadas na súa totalidade.

Esta aprobación, segundo a concelleira de Persoal, Vanessa Rodríguez Búa, supón importantes vantaxes para todo o persoal laboral, que levaba anos reclamando que se regulase a situación actual.

O goberno local solicitara que se pospuxese a negociación ata despois do verán, cando se coñecese a auditoría de persoal que se está executando. Con todo, a convocatoria da mesa de negociación deste xoves celebrouse neste mes de xuño porque a concellería entende que era unha decisión "urxente" para atender as peticións "razoables" dos traballadores.

Vanessa Rodríguez criticou a postura de CC.OO. por presionar para que se inicie a negociación do convenio colectivo canto antes, a pesar de que xa se acordou a data de remate da auditoría para comezar a tratar o tema.

Desde o goberno local de Sanxenxo reclaman deste sindicato unha actitude máis dialogante e a concelleira acusa os seus representantes de querer "desgastar ao goberno politicamente".