O Concello de Sanxenxo ten previsto reclamar a titularidade de toda a extensión da praia da Lanzada enfrontándose ao goberno local do Grove, que defende aos comuneiros dese municipio nun litixio no que demandan a propiedade do monte veciñal da Lanzada.
Segundo expón o Concello de Sanxenxo, o goberno local encargou a investigación nos arquivos locais, autonómicos e mesmo estatais dirixida a obter a documentación que acredita que ese espazo natural pertence historicamente a Sanxenxo.
O motivo deste enfrontamento entre ambos os dous concellos vén derivado da necesidade de que o Xurado Provincial de Montes revise o procedemento de clasificación desta zona, segundo apuntan fontes municipais. Desta forma, o Concello de Sanxenxo apoia á Comunidade de Montes de Noalla "que sempre mantiveron o uso e explotación" dos montes da Lanzada.
O Concello de Sanxenxo indica que "a pesar de que a titularidade da praia non foi un motivo de preocupación da Administración local, xa que se trata dun enclave natural de dominio de Costas que gozan os veciños e vecintas tanto de Sanxenxo coma do Grove, ademais dos visitantes da bisbarra a apertura dun proceso entre os comuneros de Noalla e os de San Vicente supón unha oportunidade para reclamar o que historicamente pertence a este concello". Neste sentido, fontes do executivo local sinalan que encargaron a un gabinete xurídico a súa defensa e está a reunir a información que mostre que o istmo debería estar incluído dentro do linde do concello gobernado por Catalina González.
ANTECEDENTES NO CONFLITO
Toda esta polémica nace dende que, o 22 de xuño de 1989, o Xurado de Clasificación de Montes Veciñais de Pontevedra acordou clasificar ao denominado monte da Lanzada como veciñal en mancomún, asignando a súa propiedade aos veciños da parroquia de Noalla. Con motivo desta decisión, o Concello do Grove presentou un litixio no que defende que a zona pertence aos comuneiros do municipio meco.
Despois de varios recursos administrativos e xudiciais, o Xulgado do Contencioso-Administrativo número 3 de Pontevedra concluíu que o Xurado de Clasificación de Montes Veciñais debe revisar a clasificación do monte da Lanzada que, polo momento, continúa pertencendo aos comuneiros de Noalla.
Agora, o conflito entre os dous concellos gobernados por alcaldes do Partido Popular mantense coa petición por parte de Sanxenxo de que se inclúa todo o istmo da Lanzada dentro dos lindes do termo municipal.