A Policía Local de Sanxenxo, así como Emerxencias de Sanxenxo, distribuíron no municipio máis de 15.000 máscaras, de acordo á iniciativa do Concello de repartir este material ás familias, gratuitamente e a domicilio, previa chamada. Para conseguir o obxectivo de todos os veciños dispoñan de protección, o Concello encargou a confección doutras 10.0000 unidades.
Esta elevada cifra responde á temperá resposta do Concello, xa que o 18 de marzo o alcalde Telmo Martín contactaba coa empresa provedora de material, á que se fixeron outros dous pedidos máis; e tres días despois xa se estaban realizando as primeiras reparticións de máscaras entre o persoal municipal e seguidamente entre os veciños de Sanxenxo, seguindo a orde de solicitudes recibidas.
Están confeccionadas con tea adquirida a través de provedores facilitados pola Consellería de Sanidade. O tecido non permite o paso da saliva, evitando unha das formas máis fáciles de contaxio. Son reutilizables cun lavado a 60 graos e de feito o Concello recomenda un primeiro lavado antes de usalas.
Os veciños de Sanxenxo que aínda non teñan máscaras poden solicitalas chamando ao Concello ao número 986 72 00 75, en horario de 8:30 a 14 horas. Fóra deste horario e durante as fins de semana pódense pedir no teléfono da Policía Local 986 72 70 72.
Cando a demanda da poboación estea cuberta, o Concello de Sanxenxo realizará un novo encargo de 8.000 máscaras que se reservarán para a tempada estival, "por se fosen necesarias". Doutra parte, as 20.000 máscaras non reutilizables cedidas por Servinauta destinaranse ao sector hostaleiros e pemes cando reinicien a actividade. Pódense solicitar no aparcadoiro de Nauta, que realiza un rexistro de entrega.