As previsións metereolóxicas adversas para a fin de semana levaron os concellos de Sanxenxo e Vilagarcía de Arousa a adoptar decisións en relación cos desfiles de Entroido e outras actividades programadas.
En Sanxenxo decidiron anular o desfile e o concurso de disfraces para adultos que estaba previsto para este domingo 14 de febreiro e pospoñelo para o domingo día 21 de febreiro, mantendo o mesmo percorrido, mentres que en Vilagarcía este domingo será xa o segundo en que é necesario suspender o desfile e non se fixou aínda a nova data.
En Sanxenxo, os actos previstos para a noite deste venres en Portonovo mantéñense, coa instalación dunha carpa. A partir das 22.30 horas celebrarase no porto de Portonovo o espectáculo de Parodias con diferentes imitacións humorísticas e a actuación cómica Trimentes.
A Federación de Anpas O Con de Sanxenxo aproveitará a carpa de Portonovo e celebrará este sábado a Master Zumba prevista con Rita García. Comezará ás 20.00 horas e terá un carácter solidario, xa que inclúe a recollida de alimentos.