Sanxenxo e O Grove reuniranse o 8 de xuño para resolver a titularidade da Lanzada

O Salnés
18 de maio 2015

A alcaldesa de Sanxenxo, Catalina González, convoca ás comisións de Sanxenxo e O Grove a un acto de deslindamiento o luns día 8

Itsmo da Lanzada
Itsmo da Lanzada

Unha vez incoado o expediente para o deslinde entre os Concellos de Sanxenxo e O Grove, en virtude do acordo plenario adoptado o pasado 26 de xaneiro, e unha vez nomeados os membros das comisións representativas de ambos os dous Concellos, así como os peritos e os dous veciños que participarán nos actos de deslindamento, a alcaldesa de Sanxenxo solicitou a comparecencia destas comisións para levar a cabo os actos de deslindamiento o próximo día 8 de xuño, ás 10.00 horas.

A rexedora sanxenxina explicou que a convocatoria será para o mes que vén coa intención de non interferir nos actos electorais derivados das eleccións municipais que terán lugar o día 24.

Con iso, Catalina González pretende proseguir coa tramitación do expediente iniciado conforme ao disposto nos artigos 42 e seguintes da Lei 5/1997, do 22 de xullo, da Administración local de Galicia.

A comisión do Concello de Sanxenxo para este asunto está integrada pola alcaldesa, polo primeiro e segundo tenente de alcalde, Salvador Durán e José Luis Rodríguez, respectivamente; e pola concelleira de Urbanismo, María Deza. Ademais, o enxeñeiro agrónomo José Antonio González Ferreira é o perito designado polo Concello de Sanxenxo para participar no deslindamiento, ao que José Antonio González Otero e José Manuel Rodiño Seijo acudirán como veciños.