Sanxenxo destina unha parcela de 800 metros para aparcamento gratuíto en Adina

Sanxenxo
28 de outubro 2020

O obxectivo é dar servizo aos veciños da zona e solucionar os problemas de embotellamento no acceso ao colexio Abrente 

Exteriores da casa consistorial do Concello de Sanxenxo
Exteriores da casa consistorial do Concello de Sanxenxo / Mónica Patxot

A localidade sanxenxina de Adina contará cun novo aparcamento público disuasorio e gratuíto para máis de 40 vehículos. O Concello comunica a súa intención de acondicionar unha parcela de 805 metros cadrados despois de chegar a un acordo cos propietarios do espazo.

A urbanización do polígono PERI 5 reserva unha leira para equipamento público que se habilitará como estacionamento temporal. A parcela, que está a menos de 100 metros do centro educativo Abrente, servirá para facilitar o aparcamento aos veciños da zona e acabar co problema de embotellamento e seguridade viaria.

Este novo servizo de estacionamento sumarase á actuación realizada o pasado verán no aparcadoiro da Perla na que investiron preto de 30.000 euros. 

O goberno local tamén está pendente do proxecto de seguridade viaria na estrada de titularidade provincial en Adina que está a redactar a Deputación de Pontevedra e que se acometerá en colaboración co Concello a través dun convenio.