Sanxenxo contratará por uns 50.000 euros o acondicionamento de 23 praias

Sanxenxo
01 de febreiro 2022

Os traballos centraranse en labores de mantemento de valos, torretas de socorrismo, aseos e espazos de madeira de cada areal coa aplicación dun tratamento que aumente a súa durabilidade e, nalgúns casos, o pintado para mellorar a estética dos elementos

Xente na praia
Xente na praia / Mónica Patxot

O goberno municipal de Sanxenxo sacará a licitación nos próximos días un contrato para o acondicionamento das súas 23 praias para a tempada de verán. A esta actuación destinará algo máis de 48.000 euros.

O prego de condicións contempla actuacións en Santa Mariña, Pampaído, Area de Agra, Areas, Palacios-Barreiros, Grileira, Carabuxeira. Lavapanos, A Panadeira, Silgar. Baltar, Caneliñas, Canelas, Paxariñas, Montalvo, Bascuas, Pragueira, Major, Foxos, Nuestra Señora da Lanzada, Areas Gordas e O Espiñeiro-A Lanzada.

Os traballos centraranse en labores de mantemento de valos, torretas de socorrismo, aseos e espazos de madeira de cada areal coa aplicación dun tratamento que aumente a súa durabilidade e, nalgúns casos, o pintado para mellorar a estética dos elementos.

Contémplase, ademais, no contrato a instalación de pérgolas de sombra en Canelas, Caneliñas, Baltar, Silgar e Panadeira.

Trátase, segundo informa o Concello, dun contrato mixto no que se inclúen pequenas obras ou melloras, pero tamén servizos a través da colocación e retirada de pasareas, así como paneis informativos de distinto tipo e sinalizacións.

Tamén se inclúe o pintado das varandas nas praias de Lavapanos, Carabuxeira, Grileira, Palacios-Barreiros e Pampaido.

Outras actuacións que mellorarán a accesibilidade ás praias son o paso de madeira sobre o regacho da Carabuxeira e a ponte de madeira do regacho de Areas.

A maiores, o goberno municipal tamén sacará a licitación a subministración de dous novos módulos de aseos adaptados para praias por 54.450 euros.