Sanxenxo comprará tres parcelas á Igrexa para construír vivendas sociais para a mocidade

Sanxenxo
12 de decembro 2021

A adquisición das tres parcelas, que suman 6.592 metros cadrados, permitirá promover a construción de 50 pisos de protección oficial en pleno centro do municipio

Parcelas nas que o Concello de Sanxenxo construirá pisos de protección oficial
Parcelas nas que o Concello de Sanxenxo construirá pisos de protección oficial / Concello de Sanxenxo

O alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín, ten previsto asinar nos próximos días o contrato de compravenda de tres parcelas ao Arcebispado que fixa un novo prazo para o desenvolvemento e a execución dos terreos nos que o Concello construirá vivendas para xente nova.

En total trátase de tres parcelas de 2.144 metros cadrados, de 280 metros cadrados e unha máis grande de 4.168 metros cadrados.

O acordo de compravenda remóntase a 2006, pero tras permanecer paralizado o desenvolvemento do ámbito durante varios anos, retómase agora con parte do acordo xa executado, tras o abono de parte do prezo fixado e de obras que supoñen máis da metade do prezo de adquisición e urbanización do ámbito que ascende a un total de 1.547.850 euros.

Para a promoción das vivendas que se podería realizar a través do Concello ou da Xunta é preciso levar a cabo unha serie de trámites urbanísticos para os que o acordo de compravenda fixa un prazo máximo de catro anos.

O goberno xa iniciou a xestión do plan especial do ámbito, ao que deberá seguir o proxecto de equidistribución, urbanización e, finalmente, a urbanización material do ámbito. O PXOM xa contempla que, unha vez desenvolto este espazo, un vial vertebre a zona dando continuidade á Rúa dos Poetas Galegos.

Unha vez efectuada esta tramitación que podería alcanzar os catro anos, deberase decidir que sexa o Concello o que promova as vivendas para xente nova ou se encargue a Xunta de Galicia. En todo caso, o obxectivo do goberno é sumar ás VPO que xa existen no municipio, en Baltar e en Progreso, esta nova bolsa que podería acoller ata 50 vivendas.