Sanxenxo celebrará o domingo o desfile e concurso de carnaval aprazado pola chuvia

Sanxenxo
25 de febreiro 2015

A comitiva partirá ás 16.30 da avenida Luis Rocafort cara ao porto de Portonovo onde repartirá máis de 8.000 euros en galardóns

Desfile do sábado de Entroido en Pontevedra
Desfile do sábado de Entroido en Pontevedra

O Concello de Sanxenxo celebrará o domingo o desfile e concurso de disfraces aprazado pola chuvia, no que repartirá un total de 18 premios destinando para iso máis de 8.000 euros.

A parada sairá ás 16.30 horas da avenida Luis Rocafort de Sanxenxo e continuará polo Paseo de Silgar, Punta Vicaño, a estrada xeral e a rúa Rafael Picó ata chegar ao recinto portuario onde se concentrarán os participantes.

Ao concurso poderán concorrer todos os maiores de 16 anos nas categorías individual, parella, grupo de ata oito compoñentes, de nove a 20 integrantes, de máis de 20, así como á categoría fantasía que deberá estar composta por un conxunto de máis de 20 membros. Os premios serán outorgados por un xurado que está formado por profesionais do mundo das artes plásticas e escénicas que valorará tanto a orixinalidade da vestimenta coma o atrezo e a posta en escena durante o desfile.

A inscrición poderá formalizarse ata as 14.30 horas do venres chamando ao número de teléfono 986 727 936, aínda que aquelas persoas que non o fagan previamente terán a oportunidade de anotarse antes do comezo do desfile na mesa da organización, que estará situada na Avenida Luis Rocafort, dende as 15.00 ás 16.00 horas.

A partir das 15.00 horas do domingo e ata que se inicie o desfile a Policía Local cortará ao tráfico a Avenida Luis Rocafort. Durante o transcurso da parada pechará así mesmo o tramo do Paseo de Silgar que discorre ata Punta Vicaño, a estrada xeral á altura de Baltar e a Rúa Rafael Picó, rúas polas que se volverá circular unha vez pasen as carrozas.

Á súa vez, dende as 14.00 horas ata que remate a parada non estará permitido estacionar na Avenida Luis Rocafort, no Paseo de Silgar dende a súa confluencia con esta avenida ata a rotonda de Baltar; na Avenida de Galicia e en Rafael Picó.

Arquivado en