Sanxenxo cancela o proceso de revisión do padrón de vaos

Sanxenxo
14 de decembro 2023

O goberno toma esta decisión tras detectar incongruencias na tramitación do procedemento coa ordenanza en vigor de 1998

Vados permanentes en garaxes
Vados permanentes en garaxes / Mónica Patxot

O Concello de Sanxenxo decidiu cancelar o proceso de revisión do padrón de vaos iniciado polo ORAL tras detectar "incongruencias e contradicións" na aplicación da ordenanza fiscal vixente aprobada hai máis de 25 anos. 

O goberno toma esta decisión por mor do malestar veciñal e tras comprobar discordancias entre a realidade actual do municipio e a ordenanza en vigor, "o que provocaría unha aplicación imprecisa e prexudicial para moitos veciños".

Tal e como se informou o Concello de Sanxenxo hai unha semana, o goberno traballa na elaboración do novo regulamento e da nova ordenanza fiscal de vaos nos que se reflectirá de forma clara os dereitos e deberes dos veciños que fagan un aproveitamento especial da vía municipal. 

Unha vez aprobadas as novas  ordenanzas, o Concello insta os veciños a regularizar a súa situación coa pertinente solicitude de vao para evitar a súa entrada en procesos de revisión que impliquen pagos retroactivos.