O Concello de Sanxenxo detectou que os usuarios das praias do municipio abriron novos carreiros entre os espazos dunares para acurtar os percorridos de accesos aos areais e decidiu actuar para buscar máis civismo da cidadanía para preservar estes espazos naturais.
Así, segundo anunciou este venres, o Concello reforzará a cartelería con novos paneis nas praias co lema 'A duna é vida. Non a pises, respéctaa' e poñerá en marcha actividades de concienciación ambiental.
Os carteis colocaranse en Areas, Baltar, Canelas, Montalvo, Major, Foxos e A Lanzada.
En Foxos está previsto ademais cambiar o resto do valado pendente de substituír nunha actuación anterior para protexer toda a contorna dunar.
Tanto en Foxos como en Major pódense apreciar dunas móbiles embrionarias, dunas brancas, clasificadas como hábitats de interese comunitario, e dunas grises, catalogadas como de carácter prioritario.
Ademais, colocarase un valado por motivos de seguridade na praia de Caneliñas e na praia de Bascuas. Reutilizaranse estacas do parcelamento de Silgar para evitar caídas nas partes máis altas da praia onde non existen proteccións.