Sanxenxo balizará todas as súas praias por vez primeira, as urbanas xa na Semana Santa

Sanxenxo
24 de decembro 2023

As 21 praias que ten o municipio de Sanxenxo contarán, por primeira vez, con balizamento para separar as zonas de baño das áreas de recreo náutico. Esta medida, que xa se instalaba na maioría dos areais, ampliarase a todas as praias este verán

Balizamento na praia de Silgar
Balizamento na praia de Silgar / Concello de Sanxenxo

As 21 praias que ten o municipio de Sanxenxo contarán, por primeira vez, con balizamento para separar as zonas de baño das áreas de recreo náutico. Esta medida, que xa se instalaba na maioría dos areais, ampliarase a todas as praias este verán.

Agora contarán coa zona de baño delimitada A Granxa, Pampaido, Area de Agra, Areas, Nanín, Carabuxeira, Panadeira, Silgar, Baltar, Caneliñas, Canelas, Paxariñas, Montalvo, Bascuas, Pragueira, Major, Foxos, Nosa Señora de A Lanzada, Areas Gordas, A Lapa e O Espiñeiro.

Pero antes do verán, xa para Semana Santa, a colocación deste balizamento realizarase nas cinco praias urbanas, Panadeira, Silgar, Baltar, Caneliñas e Canelas, que contarán ademais con iluminación LED.

Así figura no contrato que sacará a licitación Turismo de Sanxenxo, cunha duración máxima de catro anos e un custo duns 312.000 euros.

Outra das novidades será a inclusión no contrato da delimitación das canles de nado entre as praias de Silgar, Baltar e Caneliñas.

Unhas boias amarelas delimitarán o percorrido que empeza no extremo dereito da praia de Silgar bordeando Punta Vicaño polo mar ata chegar a Baltar. 

A lonxitude desta senda marítima é de 1.800 metros, mentres que o segundo itinerario é na praia de Caneliñas cunha extensión de 150 metros.

O adxudicatario levará a cabo, durante a duración do contrato, a limpeza, acondicionamento, reparación, reposición/adquisición, traslado, montaxe, desmonte, retirada, provisión, garda e custodia do material necesario para o correcto balizamento das praias e canles de nado.

O material que se vaia danando durante a duración do contrato deberá ser reposto polo adxudicatario e, unha vez, conclúa o período do servizo, todos os elementos do balizamento pasarán a ser de propiedade municipal.